[22-10-2015] Os recursos naturais e o valor ecolóxico do río Sar serán analizados nas Xornadas Ambientais que se desenvolverán o sábado 24 e o domingo 25 de outubro na Casa da Cultura de Bertamiráns. Cinco conferencias, unha exposición que leva por título “O Río Animado”, unha mostra de fotográfica que amosa detalles da contaminación do río e unha ruta polo tramo da Rede Natura que pasa por Ames, configuran o programa destas xornadas que están destinadas a todos os públicos. O Concello de Ames, a través da concellaría de Medio ambiente, convida aos veciños e as veciñas do municipio a que participen neste evento.
O sábado, 24 de outubro, ás 10:30 da mañá Antonio Rigueiro Rodríguez, Doutor Enxeñeiro de Montes, coordinador do Departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela e director da Estación científica do Courel, impartirá a charla "Biodiversidade e recursos naturais do Sar". Ás 12:00 do mediodía Rogelio Pérez Moreira, Docente de Edafoloxía e Química Agrícola na USC, falará de "Xeodiversidade e solo". “Creación e xestión de Espazos naturais” é o título da conferencia que ás 13:00 horas ofrecerá Pablo Ramil Rego, docente de Ecosistemas e biodiversidade na USC e director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER).
Os relatorios continuarán pola tarde. Ás 17:00 horas, Paco Bañobre, membro de ADEGA e coordinador do Proxecto Ríos falará sobre este proxecto que se sustenta na concienciación, educación e a participación cidadá en defensa dos nosos ríos. O Proxecto Rios, no que Ames participa desde hai varios anos, fundaméntase na realización de inspeccións do estado dos ríos galegos por parte de persoas ou grupos voluntarios a nivel local, co obxectivo final de facerse responsábeis da vixilancia (adopción) do río que pasa pola súa localidade. Ás 18:00 horas Antonio Gende, veterinario e ornitólogo, ofrecerá unha conferencia sobre “Andoriñas do Sar. Caracterización, ameazas e factores condicionantes da súa poboación”.
Ruta guiada polo río Sar
Por outra banda, o domingo, 25 de outubro, levarase a cabo unha ruta guiada polo río Sar. O percorrido abarca o tramo da Rede Natura do concello. Este tramo amosa o estado de deterioro do río nesta zona. A ruta ensina tamén tramos que están mellor conservados onde se pode ver o potencial ambiental que estamos a perder. A saída desta ruta está prevista para as 10:00 da mañá desde a Casa do Concello en Bertamiráns.
As xornadas complétanse cunha exposición que leva por título “O Río Animado”, unha mostra de fotografía que reflicte detalles da contaminación que soporta o río.
A concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, indica que "estas xornadas teñen a importancia de poñer en valor o noso patrimonio ecolóxico, analizando tanto as condicións de deterioro como o inmenso potencial que ten o noso río". “Ademais -engade a concelleira- que os propios veciños e veciñas coñezan o estado das augas do lugar onde viven, axudará sen dúbida a concienciación que a poboación debe ter á hora de poñer os medios para evitar agresións ambientais e axudar a coidar o medio”.
Todas aquelas persoas que o desexen poden obter máis información dirixíndose directamente ao departamento de Medio Ambiente do Concello de Ames, chamando ao teléfono 660 004 665 ou enviando un correo a auladanatureza@concellodeames.org
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Bertamiráns acolle esta fin de semana xornadas ambientais sobre o río Sar"
El Correo Gallego: "Ames pon en valor os recursos naturais e a seña ecolóxica do Sar"