Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro ofrece este venres dous pases da comedia infantil Roedores

Xoves, 05 de marzo de 2015

[05-03-2015] A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres a representación da obra infantil Roedores, da compañía Redrum Producciones. Ofreceranse dous pases, un ás 12:30 horas e outro ás 18:30 horas. As entradas teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos e os que posúan carné de estudante ou sexan maiores de 65 anos terán un desconto do 50%. Poden reservarse ata o propio venres ás 14:00 horas, a través do enderezo electrónico cultura.milladoiro@concellodeames.org ou no teléfono 981 53 59 40.

Roedores é un espectáculo familiar con música en directo dirixido aos nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. A través das aventuras de Peludiño e Munda, os cativos achegaranse a conceptos como o de igualdade de xénero, de oportunidades, social, de dereitos... E entenderán o valor da amizade, do traballo en equipo e da aceptación dun mesmo e dos demais.  

A obra narra a historia de Peludiño e Munda, un hámster que escapou da súa gaiola e unha rata soñadora que pasa as noites rebuscando no lixo para levar comida aos seus irmáns. Os dous roedores terán que deixar atrás os seus prexuízos e traballar en equipo para vencer ao temido Gato. Xuntos aprenderán que son máis parecidos do que eles pensaban e que as diferenzas os fan especiais.  

Redrum Producciones é unha compañía de teatro creada no ano 2009 por mozos procedentes de diversos campos do sector audiovisual e que nace coa clara intención de ofertar alternativas creativas que axuden ao desenvolvemento da industria teatral galega. Guillermo Carbajo, Sheyla Fariña e Carlos Álvarez-Ossorio compoñen o elenco artístico desta obra, dirixida por Alex Sampayo.