Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro inaugura hoxe a mostra fotográfica "A illa de Ons, unha cultura, unha vida" do etnógrafo e antropólogo Staffan Mörling

Venres, 15 de xaneiro de 2016

[15-01-2016] As Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro reciben esta semana unha mostra das fotografías que tomou o sueco Staffan Mörling na illa de Ons. A exposición "A Illa de Ons, unha cultura, unha identidade" revela, a través do ollar de Mörling, diferentes aspectos do día a día dos seus habitantes. A inauguración terá lugar hoxe, día 15 de xaneiro, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas. A mostra, gratuíta, permanecerá aberta ao público dende o día 16 e até o 31 de xaneiro, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:30 a 22:00 horas. As fins de semana as Casas da Cultura pechan as súas portas.

A concelleira de Medioambiente, Catuxa García, expresou que o motivo da exposición e a habilidade de Staffan Mörling para que o espectador consiga "captar a atmósfera do momento e coñecer como era a vida neses anos en Ons. Un lugar cunha identidade propia e especial que, por sorte, forma parte do patrimonio inmaterial galego".A exposición foi promovida pola Consellería do Medio Rural e do Mar e cedida o concello polo Museo do Pobo Galego, estárá repartida en 38 fotografías na Casa da Cultura do Milladoiro e  38 na Casa de Cultura de Bertamiráns.

Durante unha investigación académica, realizada a comezos dos anos 60, Staffan Mörling visitou as illas Feroe para estudar a cultura escandinava, e as súas expresións naquel lugar. Tras obter unha bolsa de estudos decidiu desembarcar en Ons, nesa mesma década, coa intención de coñecer a forma de vida doutra illa do Atlántico.Mörling chegou á illa de Ons decidido a investigar as características das dornas embarcacións que se empregaban tradicionalmente en Ons para a captura do polbo e a pesca, ás que lles atribuíu ascendencia vikinga.

O etnógrafo e antropólogo sueco quedou marabillado ante a forma de vida dos seus habitantes e a súa forma de relacionarse co mar. En Ons Mörling namorou e decidiu ficar. Axudado pola súa muller, Xosefa Otero, recolleu numerosa información sobre as profesións dos habitantes da illa, os seus costumes e o xeito de ser das xentes. Á parella uniuse o irmán do etnógrafo, Mikel Mörling, cineasta.  As fotografías de "A Illa de Ons, unha cultura, unha identidade" recollen todo aquilo que chamou a atención do etnógrafo. Ante os ollos do visitante sucédense escenas de romarías, festas, traballos agrícolas e, retratadas dunha forma especial, do mar e das xentes que del viven.