[18-05-2011] O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu, na tarde do martes día 17 de maio, o acto de celebración do Día das Letras Galegas. O evento comezou coa actuación dos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Ames e continuou coa entrega dos premios do VIII Certame Literario, do III Certame Intercentros e do I Certame de Teatro Radiofónico Lido. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o concelleiro de Cultura, Francisco Villaverde, destacaron a importancia da lingua galega. Este é só un dos actos programados para festexar as Letras Galegas no municipio amiense. A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este mércores 18 de maio a representación da obra teatral "Pelos na lingua", da compañía Talía Teatro.
Ames tamén se sumou a conmemoración do Día das Letras Galegas. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro foi o lugar escollido para acoller os actos centrais desta celebración. Cómpre destacar que os e as amienses mostráronse moi participativos e encheron o auditorio. O evento comezou ás 18:00 horas coa actuación de varios membros da Escola Municipal de Música de Ames. En primeiro lugar saíron ao escenario Nerea Montes e Antía Freire, que coas súas frautas interpretaron a peza Canción popular galega.
A continuación abriu o acto o concelleiro de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico, Francisco Villaverde, que destacou "todos os días deben conmemorase as letras galegas e a fala galega. A semana pasada xa tivemos un acto en Bertamiráns para coñecer a vida e a obra de Lois Pereiro. Hoxe dedicamos este acto a creación literaria. Para iso convocamos, por oitava edición consecutiva, o certame literario Concello de Ames e, por terceiro ano, o certame intercentros dirixido aos nenos/as de educación primario dos centros de ensino amienses. Ademais este ano como novidade organizamos o certame radiofónico de teatro lido. Agradézovos a todos que esteades aquí para celebrar o día das Letras Galegas".
O acto mesturou música e literatura. Despois das actuacións musicais e da intervención do concelleiro de Cultura procedeuse a entrega de premios. Primeiro entregáronse os galardóns do I Certame de Teatro Radiofónico Lido. Trala entrega destes premios tocoulle a quenda aos premiados no III Certame Intercentros e posteriormente foi a quenda dos premiados no VIII Certame Literario. Os premios foron entregados polo alcalde de Ames, Carlos Fernández, o concelleiro de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico, Francisco Villaverde, as concelleiras de Mocidade, Patricia Conde, de Servizos Sociais e Igualdade, Isabel González, e de Planificación e desenvolvemento parroquial, Carmen Fraga. Ademais dos membros do goberno municipal asistiron varios/as concelleiros/as dos grupos municipais popular e nacionalista.
Despois de rematar coa entrega de premios o alcalde de Ames, Carlos Fernández, pechou o acto. O rexedor municipal felicitou a todas as persoas premiadas nos tres certames que se convocaron este ano e continuación dixo que "temos a satisfacción de ir forxando nestes últimos anos unha importante traxectoria literaria o que é moi importante para calquera certame. Ademais a través desta iniciativa tamén creamos canteira xa que moitos dos participantes e dos premiados repiten ano tras ano. Nesta edición presentáronse arredor de 150 traballos, o que reflicte que este certame medra cada edición que pasa". Por outra banda, Fernández, na mesma liña que antes apuntou o concelleiro de Cultura dixo que "o noso traballo coas letras galegas non é cousa dun día senón de todo o ano. É un traballo de todos os días como recolle a ordenanza de impulso do idioma galego que tesmo aprobada no noso concello".
A Escola Municipal de Música de Ames púxolle o punto e final a este acto coa interpretación do Himno de Galicia. O público que encheu o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acompañounos cantando o devandito himno galego. Con esta actuación pechouse a conmemoración do Día das Letras Galegas.
Outras actividades
A programación continuará este mércores 18 de maio na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 21:00 horas, coa representación da obra de teatro Pelos na lingua da compañía Talía Teatro. Esta peza de teatro xa se representou o día 12 na Casa da Cultura de Bertamiráns a mesma hora. Esta obra pódese catalogar como a segunda parte de "Bicos con Lingua", un espectáculo estruturado en sketch que nos fala dos usos e abusos que sofre a lingua galega. Avelino González volve a dirixir este montaxe no que participan distintos autores e que interpretan Artur Trillo, Toño Casais e María Ordóñez.
Segundo a propia compañía, é un espectáculo áxil, dinámico e fresco que invita a reflexión da situación conflitiva do idioma nestes momentos, pero sen esquecer o humor e a ironía. A peza ten unha duración de 55 minutos e está dirixida a todos os públicos. Ademais conta cun escenario sublime e sinxelo no que representan a historia co obxectivo de que o público tome conciencia da situación actual da lingua galega.
Por último, as Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro acollen ata o día 20 de maio unha exposición sobre Lois Pereiro, cedida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, na que se realiza un percorrido pola vida e obra do homenaxeado.








