[21-11-2011] Con motivo da celebración do corenta aniversario da fundación da coral polifónica de Bugallido, o sábado día 19 de novembro, ás 17:30 horas, celebrouse na Casa da Cultura de Milladoiro, no concello de Ames, un festival de música e teatro, no que participaron o grupo folk “Ascuas”, a banda de gaitas da asociación cultural “Os Castros” e a coral polifónica de Bugallido. Ademais houbo un contacontos a cargo de Avelino González. O alcalde de Ames, Santiago Amor, entregoulle unha placa conmemorativa ao presidente da coral. Tamén asistiron o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, e a concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín.

Este evento estivo presentado por Raquel Miranda, xornalista da TVG, e realizáronse varias proxeccións con gravacións e fotografías obtidas ao longo da traxectoria da coral homenaxeada. Tamén un grupo da asociación puxo en escena varios sketchs humorísticos.
O acto estivo organizado pola Asociación Cultural "Antonio Santomil" de Bugallido - Ames, e contou coa colaboración do Concello de Ames e a Deputación Provincial da Coruña.
Os actos desta conmemoración continuarán o próximo fin de semana, concretamente o sábado día 26, con unha misa solemne cantada pola Coral Polifónica de Bugallido, na Igrexa Parroquial de Bugallido, ás 19:30 h. para celebrar a festividade de Santa Icía, patroa da música, e a continuación unha cea de confraternidade no Centro Social de Bugallido, á que está previsto que asistan un centenar de persoas.

Contido relacionado

El Correo Gallego: "40º aniversario da fundación da Coral Polifónica de Bugallido"
La Voz de Galicia: "La coral de Bugallido cumple 40 años"




