[27-02-2012] A compañía Galitoon representará o venres día 2 na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:30 horas, a obra de teatro infantil “Os limóns”, un espectáculo que conmemora os 100 anos do pintor galego-arxentino Luis Seoane cunha posta en escena innovadora. A montaxe, de 45 minutos de duración, presenta a estrutura tradicional dun conto pero enriquece a técnica do conta contos dotándoo de recursos propios do teatro de monicreques e de fantoches.
Dirixida a todos os públicos a partir dos 3 anos, a peza teatral "Os limóns" está baseada no mundo rural de Galicia do cal dá conta a xenial obra plástica e escultórica de Seoane. "Os limóns" dota de animación ás personaxes, ós motivos e ás composicións do pintor, utilizando os seus cadros como as viñetas dunha historieta infantil, resaltándoas sobre un limbo negro e dotándoas de expresividade fluorescente (teatro de luz negra). Acorde á poética e ideario de Seoane, o texto narrado e os diálogos exploran a sonoridade da lingua galega explotando a rima, os xogos de palabras, os diferentes acentos rexionais e os toponímicos.
O espectáculo recrea no seu argumento a historia ficticia e atemporal de Maruxiña, unha muller que vivía soa nunha finca na que pasaba as tardes lembrando ao seu home, Luis, que tivera que emigrar. Un día caeron do limoeiro tres pequenos limóns Osa, Apo e Iño, que quixeron ser mariñeiros e se botaron ao mar para buscar a don Luis enfrontándose aos perigos da alta mar.
As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse desde hoxe e ata o venres ás 14,00 horas a través do teléfono 981 53 59 40 ou o enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función 30 minutos antes de apertura da billeteira, que abrirá media hora antes da representación. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa. Pola mañá, ás 12,00 horas, Galitoon representará o espectáculo nunha función para escolares.
A compañía
Galitoon é unha empresa galega de televisión, teatro e espectáculos que fusiona técnicas e medios nunha constante experimentación por atopar un selo propio e un modelo creativo de negocios baseado en contidos intelixentes. Entres os seus traballos en televisión destaca O galo Cecilio de Supermartes, as vacas Pinta e Marela de Luar ou o programa Cousiñas.
Son parte dos seus Espectáculos tres edicións das Festas e Encontros dos Axóuxeres, no 2008, 2009 e 2010, para a Xunta de Galicia. No eido teatral cómpre citar a varias veces premiada Golulá, así como Babiliglub, Rosalía, a pulga que escribía, Botazz, o swing do Jazz, os Limóns, ou Basiliio, o meu amigo imaxinario, coas que a compañía segue a estar de xeira tanto en Galicia coma no resto do Estado.




