[24-10-2013] Este venres, ás 20.30 horas, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá unha charla informativa na que se abordará a relación entre a hipoteca e os desafiuzamentos. Este coloquio enmárcase nas accións informativas organizadas pola comisión municipal de desfiuzamentos.
Nesta charla intervirán Xosé María Rodríguez Fernández, avogado, e Pilar Gutiérrez, da plataforma STOP Desafiuzamentos. Esta mesma charla informativa celebrarse en Bertamiráns, no Pazo da Peregrina, o vindeiro venres 15 de novembro.
A comisión sobre desafiuzamentos, que foi posta en marcha o pasado 21 de maio, ten como finalidade a de atender posibles casos e, principalmente, traballar na súa prevención. O Concello lembra, ademais, que os Servizos Sociais municipais prestan información, asesoramento e xestión xurídica a todas aquelas persoas que a precisen por cuestións de vivenda ou por calquera outro asunto de índole social. As persoas que necesiten este asesoramento xurídico poden dirixirse ás Unidades de Servizos Sociais do Concello en Bertamiráns (Praza de Chavián, Casa da Cultura de Bertamiráns) e no Milladoiro (Rúa de Abaixo, 10).




