Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este venres día 13 a representación da obra de teatro infantil “Rosalía, a pulga que escribía” da compañía Galitoon

Mércores, 11 de abril de 2012

[11-04-2012] A compañía Galitoon representará este venres, 13 de abril, na Casa da Cultura do Milladoiro a obra "Rosalía, a pulga que escribía". A partir das 18:30 horas os máis pequenos de Ames poderán gozar con Rosalía, unha pulga que prepara unha festa sorpresa para un dos seus mellores amigos: Bruno, o canguro carteiro. A forma na que se vai ir organizando a festa e a sorpresa que levará Bruno farán as delicias dos rapaces e rapazas que asistan á representación. Esta mesma obra de teatro representarase unha semana despois, o venres 20 de abril, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Xa se pode facer a reserva de entradas para este venres a través do teléfono 981 53 59 40 ou o enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org.

Os monicreques volven pisar Ames este mes para facer pasar un bo momento, na tarde do venres, aos rapaces e rapazas do concello que, na Casa da Cultura do Milladoiro e a partir das 18:30 horas, poderán gozar da representación da obra "Rosalía, a pulga que escribía", obra que corre a cargo da compañía de teatro infantil Galitoon, que nesta ocasión aposta por unha nova forma de representación: a manipulación sobre a mesa dos monicreques. Esta mesma obra de teatro representarase unha semana despois, o venres 20 de abril, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Así, Galitoon continúa apostando pola innovación no eido das representacións infantís, aportando ademais un novo deseño do espectáculo e un novo estilo de representación, pero sen esquecerse nunca do fundamental, daquilo que fará que os cativos e cativas presten atención e non pechen os ollos adurmiñados na metade do espectáculo: un contido intelixente acompañado dunha musicalidade e plasticidade moi atractiva que enganche ao público.

As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata este venres, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou o enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas. As entradas que non se recollan nese horario venderanse a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.

Contido da obra

A obra, aconsellada para maiores de 2 anos, ten como protagonista a Rosalía, unha pequena pulga que está a organizar unha festa sorpresa. Para elo, envía as invitacións a través de Bruno, o canguro carteiro que será o encargado de lerlle esas cartas aos invitados xa que a señora Toupa é de natural cega, dona Xirafa perdeu as gafas, a ovella nunca aprendeu a ler, Míster elefante só sabe ler en inglés. O contido da carta é moi sinxelo: "O martes 3 hai unha festa na casa de Rosalía". O núcleo da trama consiste en que Rosalía en ningún momento lle entrega ao carteiro unha invitación para el, xa que se trata dunha festa sorpresa que a pulga pretende organizarlle ao canguro carteiro para que este leve unha boa sorpresa.

A obra nace da man de Andrea Bayer, quen xunto a Santiago Alonso dirixirán a representación e encargaranse da iluminación. O son será o traballo de Dani Abalo e o vestiario correrá a cargo de Lola Gómez. As mans de Santiago Alonso e Rogelio Mira serán as encargadas de insuflarlles vida aos monicreques.

Recomendada para maiores de dous anos e cunha duración de 45 minutos, dende a compañía agardan que os e as máis pequenos/as do concello se divirtan unha vez máis coa representación dunha peza infantil que promete suspense, divertimento e altas doses de solidariedade e amizade.

A compañía

Galitoon é unha empresa galega de televisión, teatro e espectáculos que fusiona técnicas e medios nunha constante experimentación por atopar un selo propio e un modelo creativo de negocios baseado en contidos intelixentes. Entres os seus traballos en televisión destaca O galo Cecilio de Supermartes, as vacas Pinta e Marela de Luar ou o programa Cousiñas.

Son parte dos seus Espectáculos tres edicións das Festas e Encontros dos Axóuxeres, no 2008, 2009 e 2010, para a Xunta de Galicia. No eido teatral cómpre citar a varias veces premiada Golulá, así como Babiliglub, Rosalía, a pulga que escribía, Botazz, o swing do Jazz, os Limóns, ou Basiliio, o meu amigo imaxinario, coas que a compañía segue a estar de xeira tanto en Galicia coma no resto do Estado.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este venres día 13 a obra de teatro infantil Rosalía, a pulga que escribía"