Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este sábado un concerto de corais para celebrar a Santa Icía

Venres, 17 de novembro de 2017

[17-11-2017] O sábado, 18 de novembro, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá un concerto de corais. Ese día, subiranse ao escenario, a partir das 19:00 horas, a Coral Antonio Santomil de Bugallido, a Coral Polifónica Virxe da Barca de Muxía e os grupos Ao Son da Sacha e Airiños do Paseo de Colón. Organizado pola Asociación Cultural Antonio Santomil co obxectivo de celebrar á patroa da música, Santa Icía, o concerto conta coa colaboración do Concello de Ames e da Deputación da Coruña. A entrada é libre e gratuíta.

A Coral Polifónica de Bugallido é a encargada de organizar o xa tradicional concerto de corais en conmemoración á Santa Icía. Dirixida por Xosé Ramón Santomil, a Coral Polifónica de Bugallido foi fundada en 1971 polo daquela párroco desta parroquia, Antonio Santomil, cuxa morte paralizou a actividade da coral en 1980. Unha parálise que durou ata decembro de 1990, momento no que un grupo de veciñas e veciños, antigos compoñentes da coral, decidiron retomar a súa actividade a través da creación da Asociación Cultural Antonio Santomil. Desde a súa fundación, a coral ten participado en numerosos eventos musicais por toda Galicia, destacando, entre outros, a súa participación no acto de apertura da Porta Santa do Ano Xacobeo de 1976. Asemade, fóra de Galicia, sobresaen as súas actuacións nas catedrais de Oviedo e León. Na actualidade, conta con 32 voces.

O sábado, a Coral Polifónica de Bugallido estará acompañada pola Coral Polifónica Virxe da Barca, que foi fundada en Muxía en 1999. Actualmente, a coral está conformada por 36 integrantes distribuídos en catro cordas: sopranos, contraltos, tenores e baixos. En 2001, a coral publicou o álbum Muxía é unha serea. Alén da coral muxiá, este ano tamén participarán do concerto os grupos de música tradicional Airiños do Paseo Colón e Ao Son da Sacha, que actuarán tanto conxuntamente como por separado. Ambos os grupos son de Ames. Airiños do Paseo de Colón é un grupo de Bugallido, mentres que as pandereteiras de Ao son da Sacha fan parte do grupo de música e baile tradicional do programa municipal de envellecemento activo Amessan. A actuación terá lugar este sábado, 18 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.