Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle a xornada de innovación e movemento maker “Innovames” dirixida a profesionais e á veciñanza de Ames

Venres, 02 de febreiro de 2018

[02-02-2018] Este venres, 2 de febreiro, a Casa da Cultura do Milladoiro acolle a xornada de innovación e movemento maker “Innovames”. A programación matinal estivo dedicada aos profesionais do sector, mentres que pola tarde, entre as 16:00h e as 20:00 horas, as actividades e obradoiros estarán destinados a un público familiar. A xornada, que conta coa presenza de grandes referentes da innovación a nivel galego, nacional e internacional, complétase cunha exposición de proxectos da Maker Faire Galicia 2017 e cunha demostración de experimentos científicos. O alcalde de Ames, José Miñones, foi o encargado de inaugurar o evento, mentres que a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, clausurou a xornada da mañá.


Exposición de proxectos innovadores
A xornada “Innovames” tamén englobou un espazo de exposicións no que se mostraron exemplos da Galicia máis innovadora, coa presenza de makers galegos creadores de proxectos de innovación de referencia. A programación matinal rematou cunha sesión de networking, que buscou a creación de sinerxías entre empresarios, empresarias e makers asistentes.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destacou no acto de clausura da mañá que “coa creación de Innovames o Concello de Ames busca por en valor os recursos e a capacidade de innovación da nosa comunidade, fomentando a sinerxía e a colaboración entre as empresas e inventores galegos, e dando a coñecer ao público xeral o capital maker galego”. Pero sobre todo Isabel González incidiu no gran capital empresarial que ten o parque Novo Milladoiro con grandes empresas que traballan no desenvolvemento tecnolóxico e que se basean na innovación. Ademais, adiantou que dende o seu departamento xa están traballando na vindeira edición deste evento que pretenden consolidar no concello de Ames.

Programación da tarde
As actividades programadas para a tarde están enfocadas para un público familiar, coa realización de diferentes actividades e obradoiros orientados ás máis cativas e cativos: demostracións de ciencia, realidade virtual, obradoiros de robótica, videoxogos, un espazo para programar APPS... O obxectivo destas actividades é o de fomentar a inquedanza por innovar entre as novas xeracións. A sesión da tarde dará comezo ás 16:00 horas cun obradoiro de papirotrónica, que está dirixido a nenas e nenos de máis de 6 anos. Entre as 18:00h e as 20:00 horas, realizaranse outros dous obradoiros de robótica e de programación de Apps, para crianzas de máis de 8 anos. As prazas para estas actividades xa están cubertas na súa totalidade e, incluso, hai lista de agarda.

A programación da tarde completarase cunha exposición de proxectos da Maker Faire Galicia 2017, na que participarán as entidades 3D Limitless, MAKEROID, Arcade Pi, B.R.A.I.S, I.E.S Sánchez Cantón, MINIMO, IOTLAB, PSICOVR e SPAINLABS. A programación tamén incluirá unha demostración de experimentos científicos. Despois da organización do Roteiro Maker de decembro de 2016, este é o segundo evento deste tipo organizado polo Concello de Ames.

O “Innovames” é unha xornada de innovación, cuxo obxectivo é achegar as últimas tendencias do mundo da innovación a todos os públicos, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se compartan coñecementos e xurdan sinerxías que dean lugar a proxectos innovadores. Organizada polo Concello de Ames, a xornada desenvólvese ao longo deste venres, 2 de febreiro, na Casa da Cultura do Milladoiro. A iniciativa inclúe, asemade, a realización de conferencias e mesas de debates centradas na tecnoloxía, na innovación, no audiovisual e na utilización de novos materiais.

A programación do “Innovames” está divida en dúas partes. A sesión matinal estivo dirixa exclusivamente ao sector profesional. Ás 09:30h realizouse a presentación na que interviron o alcalde de Ames, José Miñones, Enrique Saavedra, de Maker Faire Galicia, empresa organizadora do evento, e o monologuista Víctor Grande, que foi o encargado de presentar as diferentes conferencias e mesas de debate.

Miñones dixo “para min é unha alegría que se organice este evento en Ames por dous motivos fundamentalmente. Por unha banda, porque son profesor da USC no campo da nanotecnoloxía e antes de ser profesor era investigador nesta mesma universidade. O segundo motivo é que a través deste evento temos a oportunidade de dar a coñecer as empresas do polígono Novo Milladoiro, no que abundan compañías relacionadas coa tecnoloxía e o audiovisual. Este polígono xa se comeza a coñecer co nome de O Milladoiro Valley porque cada vez son máis as empresas que elixen este parque empresarial para medrar. Podemos dicir que proximamente instalarase en dito polígono unha importante empresa de informática con máis de 100 traballadores”. O rexedor municipal rematou dicindo que “innovar é avanzar, avanzar e medrar e medrar é Ames”.

Posteriormente, ás 10:00h, tivo lugar un relatorio acerca das posibilidades da nanotecnoloxía en multitude de sectores. Sonia Pazos Álvares do INL, International Iberian Nanotechnology Laboratory, foi a encargada de dar a coñecer tamén todo o que se está a facer neste centro de referencia internacional. O programa matinal incorporou, así mesmo, a presenza de diferentes representantes de empresas asentadas no polígono Novo Milladoiro como é o caso de NanoGap, Escenoset, Cartogalicia, CineMar films ou Zenit, entre outras. Estas empresas ofreceron a súa particular visión sobre o estado da innovación nos seus respectivos sectores.