Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle unha charla sobre a adolescencia para pais e nais

Mércores, 27 de abril de 2011

[27-04-2011] A charla-café "Comprender a adolescencia" terá lugar este venres na Casa da Cultura do Milladoiro. Con esta iniciativa preténdese explicar primeiro de xeito breve e sinxelo o tema para despois dar paso a un coloquio no que as persoas asistentes poderán compartir a súa experiencia e opinións sobre como os pais e nais deben afrontar esta etapa no crecemento dos seus fillos, moitas veces conflitiva. A actividade será presentada e moderada polas técnicas de prevención de drogodependencias dos Concellos de Ames e Santiago de Compostela, Sagrario Ferreira Pernas e María José Blanco Freire. A charla-café está organizada polo Grupo de Encontro para a Educación Conxo-Milladoiro e terá lugar ás 18:00 horas.

A adolescencia constitúe unha etapa de maduración e transformación complicada na meirande parte dos casos tanto para os rapaces como para os seus pais e nais. Esta etapa de transición entre a infancia e a idade adulta adoita traer consigo conflitos familiares de todo tipo e moitas veces a impotencia de pais e nais ao non saber como enfrontarse ás diversas situacións que poden xurdir, moitas veces derivadas dunha falla de información ou de foros onde compartir experiencias con persoas na mesma situación. O Grupo de Encontro para a Educación Conxo-Milladoiro pon o seu grao de area para achegar a pais e nais consellos, ideas e experiencias mediante unha charla-café, que terá lugar este venres, día 29 de abril, ás 18:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.

A charla-café, que levará o título de "Comprender a adolescencia", será introducida por unha pequena exposición temática de entre vinte minutos e media hora. Esta introdución correrá a cargo de Sagrario Ferreira Pernas e María José Blanco Freire, técnicas de prevención de drogodependencias dos Concellos de Ames e Santiago de Compostela, respectivamente. Despois desta presentación haberá un coloquio que se pretende que sexa o máis participativo posible, unha charla aberta na que todas as persoas asistentes poidan ofrecer a súa opinión e compartir experiencias que consideren de interese para o tema con todos os pais e nais que acudan, ademais de profesorado e educadores. Deste xeito iranse poñendo en común coñecementos de grande utilidade para afrontar con éxito o coidado de fillos adolescentes. O intercambio de opinións nun foro aberto axudará aos pais e nais a coñecer os casos doutras persoas na mesma situación.

O Grupo de Encontro para a Educación Conxo-Milladoiro xorde da Coordinadora de Traballo en Rede de Conxo e Milladoiro, que abrangue desde centros educativos coma o IES Eduardo Pondal, con alta porcentaxe de alumnos que proveñen do Milladoiro, a entidades municipais relacionadas coa educación tanto de Ames como de Santiago, ademais de centros socioculturais, profesionais destes ámbitos, psicólogos ou entidades de carácter educativo e social.

Desa coordinadora xurdiu o Grupo de Encontro, formado por pais, nais, profesorado e educadores, que centra a súa actividade na cuestión educativa. O ano pasado elaborouse un cuestionario de opinión para educadores, pais e nais no que puideron amosar os seus temas de interese. Arredor deses temas, como son a comunicación entre profesorado e pais e nais, a resolución de conflitos ou as normas e límites, organizáronse varias charlas-café coma a deste venres. A adolescencia é outro dos temas recorrentes nas preocupacións amosadas no cuestionario, ademais das técnicas de estudo. Desde a organización valórase como moi salientable este tipo de iniciativas que conseguen unir esforzos de diversos departamentos de distintos concellos por temas de importancia para o desenvolvemento intelectual e vital máis axeitados para os máis novos.