[17-02-2011] A obra teatral "Memoria de Helena e María" represéntase este venres na Casa da Cultura do Milladoiro. A peza, escrita por Roberto Salgueiro e dirixida por Xulio Lago, foi recoñecida en 2006 co Premio Abrente. Ao espectador propónselle asistir a unha viaxe intensa e conmovedora que arrinca nunha vila galega en 1937 da man da compañía Teatro do Atlántico.
O teatro volve a Ames coa representación este venres, ás 21:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro, da peza teatral "Memoria de Helena e María". Esta peza teatral foi escrita por Roberto Salgueiro e galardoada co Premio Abrente en 2006. A obra será representada pola compañía Teatro do Atlántico e contará coa dirección de Xulio Lago. Sobre o escenario actuarán María Barcala e Lucía Regueiro.
"Memoria de Helena e María" leva o espectador a unha vila galega en 1937 por medio das lembranzas da filla dunha familia moitos anos despois. Nos meses previos á guerra civil coñécense Helena e Manuel, que morrerá na guerra na fronte republicana. Helena fica daquela viúva e cunha filla pequena, María, e con outra herdanza do seu home que terá dramáticas consecuencias. Sesenta anos despois, por boca da súa filla, coñeceremos as características da tal herdanza e as consecuencias da súa conservación.
Haberá máis citas co teatro en Ames ao longo do mes, dentro da programación cultural do inverno. Así, o día 20 a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a representación da peza infantil "Carlota e Marieta" por parte de Loca-Motora Teatro, ás 17:00 horas. O venres 25 Teatro do Morcego representará "A nona" tamén na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 21:00 horas.