Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle a representación da peza teatral Citizen Completo da compañía Chévere

Xoves, 23 de febreiro de 2012

[23-02-2012] A programación teatral de febreiro complétase este venres 24, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro coa representación da peza teatral Citizen Completo, da compañía Chévere. Citizen fala da construción dun imperio económico desde a periferia. Fala de como utilizar o que nos ofrece a historia en beneficio propio, de como se constrúe a realidade coma se se tratase dun serial. É a biografía inventada dun personaxe real, Amancio Ortega, que se converte en escusa para falar, ironizar e cuestionar os efectos da globalización en relación coas nosas identidades colectivas e individuais. Esta obra está dirixida ao público adulto.

Despois do traballo realizado con Testosterona sobre a identidade e a construción de xénero, o novo proxecto de creación escénica de Chévere é Citizen. Trátase de pór en práctica novos procesos de traballo e produción, combinando a aposta pola investigación coa necesidade de obter uns resultados de cara ao público.

O proxecto completo de Citizen está estruturado en tres partes, en tres espectáculos autónomos de pequeno e mediano formato, que se foron facendo e estreando na Sala Nasa ao longo da tempada 2010-2011 coma se se tratase dunha obra de teatro por episodios. A triloxía Citizen é unha obra en tres actos con dúas pausas. Cada un deles é a continuación e a consecuencia do anterior. E ao final, a suma dos tres supón un novo espectáculo de maior formato. Ten unha duración de tres horas e media. Durante a obra ofrecerase un refrixerio ao público asistente. Nesta obra participan actores de recoñecido prestixio como son Patricia De Lorenzo, Manuel Cortés, Miguel De Lira, Mónica García, Arantza Villar, Nekane Fernández e Iván Marcos.

As entradas poderán mercarse media hora antes do comezo da función na Casa da Cultura do Milladoiro. O prezo das entradas é de 10 euros. Terán un 50% de desconto os estudantes con carné e os maiores de 65. Tamén se poden reservar as entradas, para iso hai que chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico á dirección cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 20:30 horas.


Esta obra está inspirada en Citizen Kane

Citizen inspírase no Citizen Kane de Orson Welles. Esta película conta a historia de Charles Foster Kane, un empresario norteamericano da comunicación que chegou a ser unha das persoas máis ricas e poderosas do mundo no primeiro terzo do século XX. A nosa obra conta a historia de Amancio Ortega, un empresario galego do téxtil que se converte nunha das persoas máis ricas do mundo no último terzo do século XX.

Citizen fala da construción dun imperio económico desde a periferia. Fala de como utilizar o que nos ofrece a historia en beneficio propio, de como se constrúe a realidade coma se se tratase dun serial. Citizen é unha historia de ficción baseada nun personaxe real chamado Amancio Ortega, que construíu un imperio chamado Inditex, máis coñecido como Zara. Desta maneira, Citizen convértese nunha boa desculpa para falar, ironizar e cuestionar os efectos da globalización en relación coas nosas identidades individuais e colectivas.

Esta obra de teatro conta as historias cruzadas de Amancio Ortega, un empresario galego do téxtil que se converte nunha das persoas máis ricas do mundo no último terzo do século XX, e de Sara, unha rapaza implicada na loita anti-franquista na década dos 70. Anos despois acaba traballando con outras veciñas nun taller de confección que cose para unha gran empresa. Esta obra será representada pola empresa Chévere, unha compañía de teatro que leva 25 anos traballando pola cultura galega. Chévere practica un teatro directo e cómplice, que trata sen prexuízos e con espírito crítico temas que preocupan á xente de hoxe.

Unha compañía con máis de 20 anos de traxectoria

Chévere é unha compañía de teatro con máis de 20 anos de traxectoria. Neste tempo, converteuse nun dos grupos máis dinámicos e populares de Galicia, sorprendendo ao público non só co seu peculiar sentido do humor, senón que chegou a impor unha estética e un estilo propios e reconocibles. Chévere mantén unha proposta estética ecléctica, desarraigada e singular e un importante compromiso cultural en todo tipo de frontes. Chévere, ademais, promoveu a creación dunha sala estable de espectáculos en Santiago de Compostela en 1992: a Nave de Servizos Artísticos-NASA. Nos últimos anos Chévere ampliou e diversificou o seu teatro de operacións: teatro científico, teatro con perspectiva de xénero, visitas teatralizadas, formación, audiovisual... E fíxoo sobre a base dun equipo que, individualmente achega unha importante experiencia e capacidade tanto en teatro como no audiovisual, e que colectivamente ten unha demostrada solvencia a nivel de produción e xestión de proxectos culturais.