[26-10-2015] A Casa da Cultura de Milladoiro acolle o mércores 23 de decembro, a partir das17:00 horas “Jim e a Illa do Tesouro”, unha produción de “Eme2 & arte”, baseada na Illa do Tesouro de R. L. Steveson. A obra está orientada a público infantil e familiar. As entradas para asistir a esta función que comezará ás 18:30 horas teñen un prezo de catro euros para os maiores de 12 anos e os que posúan carné de estudante ou sexan maiores de 65 anos terán un desconto do 50%.
“Jim e a Illa do Tesouro” foi estreada no mes de xullo no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Desde entón percorreu varias salas galegas colleitando éxitos de taquilla e público. Trátase dun espectáculo de monicreques e actores dirixido a nenos e nenas a partir de 5 anos que está baseado no maior éxito da narrativa corsaria, A Illa do Tesouro de R. L. Stevenson.
A obra conta a historia do pequeno e valente Jim Hawkins que rexenta, xunto co seu pai unha pequena pousada na costa de Inglaterra. Diante do mar. Jim soña con vivir aventuras e converterse nun gran mariño. E abofé que o fará! O destino fai que chegue ás súas mans o mapa do tesouro do pirata Flint e deste xeito, Jim comeza a viaxe e a aventura. Unha viaxe onde Jim navegará por medio mundo, cruzarase con temibles piratas (quizais non tan temibles) e descubrirá unha amizade eterna.
Jim e a Illa do Tesouro é unha peza cunha linguaxe estética moi coidada en que actores e monicreques aparecen en escena nunha simbiose perfecta, chea de acción, de música e arroupada por unha atmosfera que nos traslada inmediatamente a un mundo fantástico e aventureiro.
Música, acción, liortas, humor, piratas desapiadados, piratas parvos, pernas de pau, parches no ollo, papagaios, cancións corsarias, un tesouro agochado, unha illa remota e unha busca chea de aventuras. Jim e a Illa do Tesouro conserva todos os elementos que fixeron da peza de Stevenson o maior clásico das novelas de aventuras e unha fonte de inspiración para posteriores filmes, obras de teatro, bandas deseñadas e novelas de temática pirata.




