Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle o luns, 2 de xaneiro, o espectáculo de teatro infantil “Os monicreques de Kukas Encoro enmeigado”

Venres, 30 de decembro de 2016

[30-12-2016] O ano 2017 comeza en Ames con teatro infantil a cargo da compañía Kukas Producións Artísticas, que porá en escena o espectáculo “Os monicreques de Kukas Encoro enmeigado (nas fragas do Eume)”. A obra representarase o luns 2 de xaneiro, ás 17:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. As entradas para os espectáculos infantís de Nadal están á venda na Billeteira electrónica municipal.

Nunha apartada e fermosa fraga vivían Xoaniña, unha nena alegre e rebuldeira, e o seu avó, Marcelino, un velliño moi sabido que contaba contos e lendas a esgalla, e sabía predicir o tempo sen ter que consultar en Internet… Pero, as cousas non sempre son coma un quere, e así foi que un día gris e anubrado apareceron uns señores serios e rexos... puxéronse mans á obra, comezaron a construír un gran encoro.

Un tempo escuro asemellaba querer rematar coa fraga... Xoaniña pediulle a seu avó que tomara cartas no asunto... a golpe de campá chamou á asemblea urxente a todos os seus amigos, os seres máxicos que vivían na fraga... e foron chegando de un en un, ou en grupiños... Todos estiveron de acordo, e os animaliños e os peixes ofrecéronse a axudar no que fixeran falta, e de contado e todos se puxeron en faena...

No Encoro enmeigado (das fragas do Eume) se poñen en valor elementos da nosa tradición xunto a problemas que o mundo moderno ten que enfrontar como a utilización dos recursos naturais para producir enerxía e como se pode chegar a un equilibrio co ecosistema sen deixar de lado o progreso. E todo iso nunha montaxe que mestura pasado e presente, maxia e realidade, respecto polo medio ambiente e progreso sostible nunha posta en escena divertida, poética e plasticamente moi atractiva para o espectador.

Venda de entradas para os espectáculos infantís
Dende o departamento de Cultura infórmase de que están a venda as entradas dos espectáculos infantís de teatro, música e danza da programación de Nadal. Ditas entradas pódense mercar na Billeteira electrónica municipal. Para iso tan só hai que acceder á páxina principal desta web e premer nun dos dous banner que hai da Billeteira, que están na cabeceira da web ou debaixo da sección de Avisos.