- Tematica
O Concello de Ames, a través da programación de Nadal, organiza esta velada de violín a cargo do músico do Milladoiro Anxo Gómez Piñeiro, que malia a súa corta idade (nado no 2008) conta xa con numerosos recoñecementos dentro do mundo musical. O concerto será o próximo venres 9 de xaneiro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Para poder acudir, é necesario retirar un convite gratuíto na Billeteira electrónica.
O xove violinista do Milladoiro comezou a súa carreira aos 8 anos tendo como profesor ao actual membro da Real Filharmonía de Galicia e docente no Conservatorio Histórico de Santiago de Compostela, Ilya Fisher, mais actualmente continúa a súa carreira coa profesora Yulia Petrushevskaya mentres remata de cursar segundo de bacharelato no IES do Milladoiro.
Durante esta velada, na que tamén participará a pianista Haruna Takebe, Anxo Gómez interpretará durante arredor de 50 minutos pezas de compositores clásicos como Johann Sebastian Bach, Niccolò Paganini, Mozart, Max Reger, Beethoven ou o violinista vasco do século XIX Pablo Sarasate.
Recentemente, Anxo ven de gañar o premio Extraordinario da Xunta de Galicia na modalidade de Ensinanzas Artísticas Profesionais no ámbito da música. Un galardón que conforma unha ampla lista dun total de 11 recoñecementos internacionais, como o 2º premio na categoría C na Academia de Música Fernándes Fâo, na vila portuguesa de Vila Praia de Âncora no ano 2019, ou a 1ª Mención de Honra na categoría I do 1º Concurso Internacional Violin Competition VSMU en Bratislava (Eslovaquia) no ano 2022.
Máis concertos proximamente
O de Anxo Gómez non será o único concerto neste mes de xaneiro. O sábado 10, ás 19.00 horas, as agrupacións corais de Ames pecharán a programación de Nadal na Casa da Cultura do Milladoiro coa participación de cinco grupos. A semana seguinte, o venres 16, será a quenda de Caxade, que estará xunto á banda de música de Brión na Casa da Cultura de Bertamiráns a partir das 20.00 horas.
Para todos estes concertos a entrada será gratuíta e para poder entrar será necesario retirar un convite na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Novas relacionadas
Diario de Santiago: "A Casa da Cultura do Milladoiro acolle o concerto do violinista amesán Anxo Gómez"





