[03-06-2015] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este mércores pola mañá a inauguración da mostra “A Arte de Aprender”, que estará aberta ata o día 22 de xuño. Esta exposición recolle todos os traballos realizados polo alumnado da escola infantil municipal A Madalena durante este curso. Na mostra están expostos os traballos realizados durante as distintas estacións (outono, inverno e primavera) na que os nenos e nenas traballan coas follas, cores, flores, etc. Nesta inauguración estiveron o alcalde en funcións de Ames, Santiago Amor, a concelleira en funcións de Xuventude, e varios concelleiros e concelleiras da corporación municipal.
Este mércores inaugurouse a VIII mostra A Arte de Aprender, que recolle todos os traballos realizados ao longo do curso, polos nenos e nenas da escola infantil municipal A Madalena. A Casa da Cultura do Milladoiro foi o lugar escollido por oitavo ano consecutivo para expoñer todos os traballos dos cativos/as e poderanse ver ata o día 22 de xuño. Todas as obras están repartidas polo primeiro e segundo andar do centro sociocultural. Así, pódense ver diferentes traballos segundo a idade dos nenos e nenas.
As actividades realizadas polos nenos e nenas de 0 a 1 anos durante todo o curso están recollidas nunha obra denominada A miña vida en papel. Este é un libro viaxeiro que se vai confeccionando na escola e na casa. Así recolle traballos que se desenvolven na escola infantil como os realizados con motivo do Día internacional da Paz, pero tamén conta con fotos dun acontecemento tan importante como a primeira celebración do seu primeiro aniversario. Segundo a idade do alumnado os traballos teñen maior ou menos complexidade. Deste xeito, os alumnos/as de 0 a 1 anos empregan técnicas plásticas para pintar coas mans e cos pés.
Ademais se visitamos a Casa da Cultura podemos observar diferentes obras que realizaron os nenos e nenas de 1 a 2 anos e de 2 a 3 anos. Os rapaces e rapazas da escola infantil A Madalena traballan con diferentes temáticas que están relacionadas coas estacións do ano. Deste xeito, durante o outono traballan coas follas das árbores, en inverno fan bonecos de neve, e en primavera traballan coas flores e coas diferentes cores propias desta estación.
Así celebraron o outono, a chegada do inverno e da primavera. Outras datas significativas que serviron de temática para os seus traballos foron o Samaín, o Magosto, o Nadal, o Entroido, o día do Pai e da Nai, o día da Paz ou o día das Letras Galegas. Estas son datas moi significativas e que serven para que os nenos e nenas da escola infantil realicen diversas actividades que non soen facer no día a día.