[03-06-2014] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este martes pola mañá a inauguración da mostra “A Arte de Aprender”, que estará aberta ata o día 25 de xuño. Esta exposición recolle todos os traballos realizados polo alumnado da escola infantil municipal A Madalena durante este curso. Na mostra están expostos os traballos realizados durante as distintas estacións (outono, inverno e primavera) na que os nenos e nenas traballan coas follas, cores, flores, etc. Ademais, tamén se recollen os traballos feitos tendo en conta a obra do pintor ruso Kandinsky. A esta presentación foron arredor de 60 nenos e nenas do centro educativo acompañados das súas profesoras. En representación do goberno municipal asistiu o concelleiro de Educación, Bernardo Moar.

Novos proxectos realizados durante este curso
Durante este curso os nenos de 1 a 2 anos e de 2 a 3 anos participaron en dous novos proxectos que se puxeron en marcha dende a escola infantil. Os alumnos e alumnas de 1 a 2 anos participaron no proxecto A miña familia. A través desta iniciativa os nenos e nenas tiveron que elaborar un libro de fotografías no que ían presentando aos diferentes membros da súa familia (pai/nai, tíos/as, avós e avoas, primos/as, etc.). O obxectivo desta actividade é achegar a familia de cada neno/a ás clases da escola.
Por outra banda, os nenos e nenas de 2 a 3 anos participaron no proxecto Libros viaxeiros. Cada aula de 2 a 3 anos tivo una mascota este ano (o can Chispa; o coello Pepito; e o loro Lolo). Cada neno/a tivo que levar á mascota para a súa casa durante unha fin de semana e despois contar no libro o que fixo o neno/a e maila mascota durante este tempo. Deste xeito, a través de diferentes fotografías detállase esta experiencia.
Os rapaces e rapazas da escola infantil A Madalena traballan con diferentes temáticas que están relacionadas coas estacións do ano. Deste xeito, durante o outono traballan coas follas das árbores, en inverno fan bonecos de neve, e en primavera traballan coas flores e coas diferentes cores propias desta estación. Ademais, todos os anos o alumnado desta escola infantil traballa sobre a vida e obra dun pintor. Durante este curso fixeron varias replicas dos cadros do pintor ruso Kandinsky.
As actividades realizadas polos nenos/as de 0 a 1 anos durante todo o curso están recollidas nunha obra denominada A miña vida en papel. Este é un libro viaxeiro que se vai confeccionando na escola e na casa. Así recolle traballos que se desenvolven na escola infantil como os realizados con motivo do Día internacional da Paz, pero tamén conta con fotos dun acontecemento tan importante como a primeira celebración do seu primeiro aniversario. Segundo a idade do alumnado os traballos teñen maior ou menos complexidade. Deste xeito, os alumnos/as de 0 a 1 anos empregan técnicas plásticas para pintar coas mans e cos pés.
Esta semana inaugurouse a VII mostra A Arte de Aprender, que recolle todos os traballos realizados ao longo do curso, polos nenos e nenas da escola infantil municipal A Madalena. A Casa da Cultura do Milladoiro foi o lugar escollido por sétimo ano consecutivo para expoñer todos os traballos dos cativos/as e poderanse ver ata o día 25 de xuño. Todas as obras están repartidas polo primeiro e segundo andar do centro sociocultural. Así, pódense ver diferentes traballos segundo a idade dos nenos e nenas.
Os traballos do alumnado de 0 a 1 e de 1 a 2 anos atópanse no primeiro andar do centro sociocultural, mentres que os traballos do alumnado de 2 a 3 anos están expostos no segundo andar. Os rapaces de 2 a 3 anos realizaron varios murais segundo a estación na que estaban. Así celebraron o outono, a chegada do inverno e da primavera. Outras datas significativas que serviron de temática para os seus traballos foron o Samaín, o Magosto, o Nadal, o Entroido, o día do pai e da nai, o día da paz ou o día das Letras Galegas. Estas son datas moi significativas e que serven para que os nenos e nenas da escola infantil realicen diversas actividades que non soen facer no día a día.




