Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle a mostra “A arte de aprender”, na que expoñen os traballos realizados ao longo do curso polo alumnado da escola infantil da Madalena

Xoves, 06 de xuño de 2013

[06-06-2013] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este mércores pola mañá a inauguración da mostra “A Arte de Aprender” que estará aberta ata o día 25 de xuño. Esta exposición recolle todos os traballos realizados polo alumnado da escola infantil municipal A Madalena durante este curso. Na mostra están expostos os traballos realizados durante “A semana da arte” que este anos estivo dedica ao pintor holandés Piet Mondrian. A esta presentación foron arredor de 60 nenos e nenas do centro educativo acompañados dos seus profesores e profesoras. En representación do goberno municipal asistiu o concelleiro de Educación, Bernardo Moar.

Esta semana inaugurouse a VI mostra A Arte de Aprender, que recolle todos os traballos realizados ao longo do curso, polos nenos e nenas da escola infantil municipal A Madalena. A Casa da Cultura do Milladoiro foi o lugar escollido por sexto ano consecutivo para expoñer todos os traballos dos cativos e poderanse ver ata o día 25 de xuño. Todas as obras están repartidas polo primeiro e segundo andar do cento sociocultural. Así pódense ver diferentes traballos segundo a idade dos nenos e nenas.

Os traballos do alumnado de 0 a 1 e de 1 a 2 anos atópanse no primeiro andar do centro sociocultural, mentres que os traballos do alumnado de 2 a 3 anos están expostos no segundo andar. Os rapaces de 2 a 3 anos realizaron varios murais segundo a estación na que estaban. Así celebraron o outono, a chegada do inverno e da primavera. Outras datas significativas que serviron de temática para os seus traballos foron o Samaín, o Magosto, o Nadal, o Entroido, o día do pai e da nai o día da paz ou o día das Letras Galegas. Estas son datas moi significativas e que serven para que os nenos e nenas da escola infantil realicen diversas actividades que non soen facer no día a día.

As actividades realizadas polos cativos de 0 a 1 anos durante todo o curso están recollidas nunha obra denominada A miña vida en papel. Este é un libro viaxeiro que se vai confeccionando na escola e na casa. Así recolle traballos que se desenvolven na escola infantil como os realizados con motivo do Día internacional da Paz, pero tamén conta con fotos dun acontecemento tan importante como a primeira celebración do seu primeiro aniversario. Segundo a idade do alumnado os traballos teñen maior ou menos complexidade. Deste xeito, os alumnos/as de 0 a 1 anos empregan técnicas plásticas para pintar coas mans e cos pés.

Arredor de 60 nenos e nenas da gardería municipal visitaron esta mostra acompañados das educadoras do centro e de moitos pais e nais que tamén quixeron ver os traballos que elaboraron os seus fillos/as. En representación do goberno municipal asistiu o concelleiro de Educación, Bernardo Moar. O obxectivo desta actividade e dar a coñecer o traballo de todos os nenos/as durante o curso escolar e tamén que os pais e as nais vexan as actividades que realizan.

Visita a unha granxa
Por outra banda, o alumnado da escola infantil da Madalena visitou recentemente unha granxa, que pertence aos avós dun antigo alumno desta escola. Na granxa os nenos e nenas puideron ver vacas, porcos, coellos, ovellas, polos, cans... incluso puideron ver como se muxe unha vaca. Os nenos/as tamén puideron montar nun tractor e darlle de comer herba as vacas. O alumnado da escola levoulle un agasallo aos donos de granxa por recibilos de xeito tan amable. Regaláronlle unha ameixeira que lle proporcionaron dende o departamento de Medio Ambiente.

Esta actividade enmárcase dentro do programa Coñecendo o contorno máis próximo. Todas as actividades deste programa teñen como obxectivo achegar aos nenos e nenas ao seu exterior máis inmediato, así como ensinarlle o funcionamento de distintos organismos que son fundamentais para a súa vida diaria.