Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle mañá o concerto de fin de curso da escola municipal de música de Ames

Xoves, 20 de xuño de 2013

[20-06-2013] O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este venres, 21 de xuño, o concerto de fin de curso da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA). A cita comezará ás 20:00 horas e nel participarán os alumnos/as da escola que tocarán pezas amenas, e interpretarán tanto autores clásicos como autores máis modernos. Este concerto clausurará o curso 2012-2013 e servirá para mostrarlles ás familias do alumnado e á cidadanía en xeral o traballo que se desenvolveu durante estes oito últimos meses na EMMA. As clases do vindeiro curso comezarán no mes de outubro.

O principal obxectivo deste concerto é que os alumnos e alumnas da escola poidan poñer en práctica as destrezas que adquiriron cos seus instrumentos durante este curso. Aos nenos e nenas failles unha especial ilusión tocar diante dos seus pais e nais, pero tamén para toda a veciñanza en xeral que desexe gozar do concerto.

O concerto que pon punto e final ao curso da EMMA comezará coa actuación do alumnado de música e movemento que interpretarán “O pezinho” de Mamá Cabra e “Little Einstein”. Esta última peza estará dirixida por Guillermo Meizoso. De seguido actuarán os alumnos/as de percusión e batería. David Rouco e Marcos Morán interpretarán “Dueto Caixa e Tom”.

As nenas e nenos que asisten as clases de instrumentos interpretarán varias pezas. Primeiro actuarán os rapaces e rapazas que tocan os xilófonos. Aída e Mateo Raíndo interpretarán “Duo Minuet”, de Bach; “Barcarolle, cuentos de Hoffman”, de Jacques Offenbach; e “Swannee River”, unha canción popular americana. Despois, tocará o grupo de saxofóns. Celia Tajuelo e Ángel Sánchez tocarán o tema “Canción de Cuna”. Mentres que a orquestra de guitarras tocará o tema Pequena serenata nocturna”, de W.A. Mozart.

Alumnado de canto
O concerto continuará coa actuación do alumnado de canto. Óscar Suárez (guitarra) e Aida Raíndo (voz) tocarán “Heaven”, de Bryam Adams, e Óscar Suárez (guitarra) e Marta Costoya (voz) interpretarán “Isn't she lovely”,de Stevie Wonder. A continuación intervirá Sandra Abel (voz e piano) que cantará Someone like you”, de Adele, e Brais Cantorna (piano) e Carmen Castro (voz) interpretarán “Para toda la vida”, del Sueño de morfeo. Por outra banda, Brais Cantorna (piano) e Rebeca Soliño (voz) tocarán “The Climb”, de Miley Cyrus, e Ayantu Vales, Sara Millán, Celia Proupin e Maite Pellegrin cantarán “We are never ever back together”, de Taylor Swift. Por último, Mario Uzquiaga cantará “Pan y mantequilla”, de Efecto pasillo.

Logo será a quenda dos alumnos e alumnos de violín da EMMA, que tocarán no concerto de fin de curso “Canto de Andar” e “O son do Ar” do grupo Luar na Lubre e “Piratas del caribe” de Hans Zimmer. Ao escenario da Casa da Cultura de Bertamiráns subirán despois os alumnos/as de linguaxe musical que interpretarán os temas Dindolo” e “Osito Gominola”. Seguidamente, os nenos/as da orquestra de frautas e saxofóns tocarán o “Himno de la alegría”, de L. V. Beethoven, e os temas “Londonderry” e “Groovy kind of love”.

Tras estas cancións, será a quenda do grupo instrumental e do coro. Primeiro o coro interpretará “Mami es tu cumple”. A continuación o grupo instrumental e coro tocarán “Caresse sur l'ocean” e “Mira tu camino”, ambos os dous temas pertencen a banda sonora orixinal de Los chicos del coro.

Actuación dos grupos de combo
Para rematar o acto de fin de curso, os alumnos e alumnas de combos de adultos interpretarán varias cancións. A primeira será “Déjame”, de Los Secretos, e Wonderful world” de Louis Amstrong, con Sandra Abel e Brais Cantorna (voces), Pepo Suevos (batería), Eva Millares (baixo), Cristina Ayala (teclados), Luis Durán e Óscar Fernández (guitarras).

Tras esta actuación subirán ao escenario os rapaces e rapazas do combo xuvenil, que tocarán “Por la boca vive el pez”, de Fito & Fitipaldis, e “Miña terra galega”, de Siniestro total. Neste caso, interpretarana: Mateo Raíndo (batería), Eva Millares (baixo), Brais Cantorna (teclados), Javi Abel e Óscar Suárez (guitarras), Nerea Montes (frauta) e Aida Raíndo e Sandra Abel (voces).