Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle as fotografías presentadas ao certame da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro

Xoves, 15 de decembro de 2016

[15-12-2016] A Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro organizou unha nova edición do seu concurso fotográfico, en colaboración co Concello de Ames. A temática xira en torno ao propio parque e á visión da empresa actual. As fotografías presentadas a dito certame poden verse no segundo andar da Casa da Cultura do Milladoiro ata o 22 de decembro. Ese mesmo día daranse a coñecer os nomes das persoas gañadoras.

A Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro quere con este certame fotográfico “fomentar a participación da cidadanía na actividade do parque empresarial do Milladoiro”. Por iso convidaron ás persoas amantes da imaxe a achegarse ao parque e retratalo a través das súas lentes. As imaxes reflicten as instalacións do propio parque, o ir e vir das persoas que se achegan ás naves, dos produtos etc.

Dentro do certame existen dúas categorías diferentes: unha para maiores de 18 anos e outra para menores de idade. As imaxes enviadas pasarán a formar parte do arquivo fotográfico da asociación de empresarios. Todas estas imaxes xa se poden ver na Casa da Cultura do Milladoiro ata o día 22 de decembro.

Nesa mesma data terá lugar a gala de entrega de premios, nas que se desvelarán os nomes das tres persoas gañadoras da categoría adulta e as da infantil e xuvenil. Os premios inclúen un vale por 300 euros, 200 euros e 100 euros para o primeiro, segundo e terceiro posto na categoría adulta e distintos agasallos para os gañadoras da infantil e xuvenil. Todas as persoas gañadoras recibirán ademais un diploma acreditativo.