[26-02-2015] A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, ás 21:00 horas, a representación de Os contos de Joselín, da compañía aCentral Folque. As entradas teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos e os que posúan carné de estudante ou sexan maiores de 65 anos terán un desconto do 50%. Poden reservarse ata o propio venres ás 14:00 horas, a través do enderezo electrónico cultura.milladoiro@concellodeames.org ou no teléfono 981 53 59 40.
Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín protagonizan este espectáculo de noventa minutos de duración dirixido ao público adulto. A obra, que narra historias de mortos, caciques e curas, está baseada no libro Os contos de Joselín. Primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954). Joselín foi o primeiro contador galego que gravou 23 dos seus contos populares nos anos trinta do século pasado e converteuse nun auténtico ídolo, especialmente entre o público emigrante. Estas gravacións acadaron un grande éxito e deixaron unha importante pegada en toda a oratoria popular posterior.
A adaptación teatral é un espectáculo creado para facer rir a través da figura dos contadores, recuperando a tradición e ofrecendo ao público unha proxección de imaxes históricas do propio Joselín e dando a oportunidade de oír un conto gravado na súa voz.