Pestanas principais

A casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres o tradicional concerto de corais de Nadal

Martes, 16 de decembro de 2014

[16-12-2014] A programación de Nadal do Concello de Ames continúa este venres, 19 de decembro, coa celebración do Concerto de Corais de Nadal, que está organizado pola Concellaría de Cultura. Neste encontro participan a coral Antonio Santomil de Bugallido, as corais de Ames e Piñeiro que actúan xuntas, a coral Lojo Batalla de Tapia, o coro Noso Son de Bertamiráns e a coral de JUPEMI. Este concerto terá lugar, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A entrada será de balde ata completar aforo.

O festival comeza coa actuación da Coral do Club de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro. Este coro foi fundado no Milladoiro pola asociación JUPEMI en marzo de 2013. Conta agora mesmo con 20 compoñentes con moitas ganas e ilusión. Esta dirixido por Pilar Martínez, profesora de canto da Escola de Música Municipal de Ames.

A continuación, actuarán de forma conxunta as corais de Ames e Piñeiro, dúas agrupacións que nun principio tiveron andainas separadas. Os dous coros empezaron o seu percorrido no ano 2002 da man da mesma mestra, Anxos Renieblas, e con idéntico obxectivo: formar un grupo que acompañase e amenizase as distintas celebracións eucarísticas nas respectivas parroquias. Co paso do tempo fóronse unificando repertorios, saídas e celebracións de xeito que na actualidade comparten todo tipo de actuacións formando así un grupo dinámico, con representación de distintas idades e caracterizado polo acompañamento de guitarras e percusión o cal os diferencia das corais máis tradicionais.

Tras estas interpretacións, tocaralle a quenda ao Coro Lojo Batalla de Tapia, que se fundou hai uns anos, coa idea de cantar as misas parroquiais. Basicamente, interpretan música relixiosa, participando activamente nas misas das parroquias veciñas e nos concellos de Santiago e Boqueixón. Na actualidade, o coro está formado por 18 voces e dirixido por Felisa Regueira Vázquez.

Despois será a quenda do coro Noso Son de Bertamiráns, que pertence á Asociación Cultural ArsAmes. Esta agrupación leva funcionando desde o ano 2006 sendo nos seus principios coro infantil-xuvenil. Durante a súa existencia ganou varios premios no certame de Panxoliñas, organizado por Caixanova. Elaborou proxectos culturais, musicais, poéticos e didácticos, como por exemplo o Musical “And all that Jazz...” onde contou coa colaboración de varios músicos profesionais, ou o musical “O Concurso” onde tivo o pracer de contar coa axuda do escritor e músico galego Pepe Sendón. Este grupo viaxou xunto a outros coros da Asociación ArsAmes por moitos lugares de Galicia e tamén participou no proxecto “Queima de Judas” en Tondela, Portugal. Pero os nenos medraron e convertéronse en universitarios, polo tanto na actualidade, o coro Noso Son é un proxecto aberto para xente de tódalas idades.

O concerto pecharase coa actuación da Coral Polifónica de Bugallido, que en 2011 celebrou o corenta aniversario da súa fundación. Esta agrupación está composta por un total de 32 voces mixtas e conta cun repertorio que abarca todo tipo de polifonía: música popular galega, habaneras, música sacra, renacentista, etc. Ao longo da súa exitosa traxectoria, a coral ofreceu concertos por toda Galicia e fóra da comunidade. Nos últimos anos, cabe resaltar a súa actuación na Catedral de Santiago, no mes de maio de 2010, e na Catedral de Oviedo, no mes de outubro do mesmo ano.