[13-02-2012] O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames ofrecerá o venres día 17 na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 19:30 horas, un concerto de Entroido que permitirá gozar a todos os públicos dunha coidada selección de pezas populares. O programa do recital inclúe versións de temas clásicos ademais de partituras pop, bandas sonoras de cine e outras sorpresas que marcarán o inicio musical do entroido en Ames. Ademais, o Concello de Ames lembra que xa está aberto o prazo de recepción de solicitudes para participar no concurso-degustación de receitas típicas de carnaval e no concurso de disfraces, que se celebrarán durante a Festa do Entroido do próximo día 20 no aparcadoiro da rúa do Agro do Medio do Milladoiro.
O concerto articularase a partir de 16 momentos musicais, o primeiro dos cales estará protagonizado polas agrupacións de violíns e viola, que ofrecerán a súa versión de "O lago dos cisnes", "Fillo da luna" e "Billy Jean". Seguirán os alumnos de percusión e os grupos de música e movemento, coa interpretación de "O pirata mete pata". A continuación, actuarán os pianistas María Gallego e Brais Cantorna, que darán paso a "O tren das profesións", interpretado por alumnos de batería e de linguaxe musical.
Pola súa banda, os estudantes de saxofón ofrecerán desde unha "Polka" ata unha adaptación de "O xorobado de Notre Dame" ou "Monsters S.A.". Haberá tamén tempo para escoitar versións de La Oreja de Van Gogh ou Lady Gaga nas voces dos alumnos de canto antes da actuación dun octeto de guitarras, que interpretará o rag-time "The entertainer". No último tramo do recital, participarán o coro de voces e o grupo de Música para Adultos, as alumnas de canto da escola e as pianistas Marta Costoya e Inés García Iglesias. O concerto rematará cunha versión de "Yesterday", da banda sonora de Harry Potter, a cargo da orquestra de frautas coa colaboración dun grupo de saxos.
Aberto o prazo de inscrición para os concursos de receitas e de disfraces
Por outra parte, o Concello de Ames lembra que permanece aberto o prazo de recepción de solicitudes para participar nos concursos de receitas e de disfraces convocados con motivo da celebración o próximo día luns día 20 da Festa do Entroido, que se desenvolverá a partir das 18.00 horas no aparcamento da rúa do Agro do Medio do Milladoiro coa actuación da charanga "Vaite xa" e coa orquestra "Super Fama".
No concurso gastronómico poderán participar todas as persoas maiores de 18 anos a título individual, ou ben representando a unha asociación, local hostaleiro, empresa... As receitas terán que ser obrigatoriamente típicas do entroido, e haberá dúas modalidades: salgadas e doces. As inscricións deberán presentarse na Casa da Cultura do Milladoiro ou no departamento de Promoción Económica na Casa Consistorial, en Bertamiráns, de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas. Tamén poderán presentarse a través do correo electrónico: cultura.milladoiro@oncellodeames.org. A data límite de presentación será o mércores día 15 de febreiro. O día 20 de febreiro, ás 17.30 horas, presentarase o prato na carpa do Concello. Cada prato deberá permitir 60 pequenas degustacións.
Os participantes optarán a diferentes premios, dotados con vales de compra cambiables nos establecementos comerciais asociados á Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), á asociación de Empresarios e Comerciantes do Milladoiro (AEMI), á Asociación Palmira-Boulevard do Milladoiro e á Asociación Parque Empresarial Novo Milladoiro durante os tres meses seguintes ao concurso. Así, os primeiros premios tanto para pratos doces coma para salgados serán de 400 euros, os segundos ascenderán a 250 e os terceiros serán de 150 euros.
No concurso de disfraces poderán participar todas as persoas, asociacións, comunidades ou colexios que o desexen. As inscricións deben facerse na casa da Cultura do Milladoiro, a través do teléfono 981 535 940, ou no correo electrónico cultura.milladoiro@concellodeames.org. Admitiranse inscricións ata o día 20 ás 14.00 horas. Á hora de apuntarse ao concurso, os participantes deberán achegar nome e apelidos, teléfono dos participantes ou representantes do grupo ou comparsa e categoría na que se inscriben. Haberá en total catro modalidades nas que se poderá concursar: unha modalidade infantil, que estará constituída por unha ou dúas persoas ata os 12 anos; unha modalidade individual, na que poderán participar unha ou dúas persoas maiores de 12 anos; unha modalidade de grupo, que se constituirá por tres ou catro persoas de calquera idade e unha modalidade de comparsas que deberá estar formada por sete persoas ou máis tamén de calquera idade.
Ao igual que no concurso gastronómico, os participantes optarán a premios dotados con vales de compra cambiables nos establecementos comerciais de distintas asociacións de comerciantes e empresarios de Ames. Na categoría infantil o premio ten un importe de 100 euros, na categoría individual 150 euros, na categoría de grupo o premio ascende a 300 euros e na de comparsa a 500 euros. Os participantes deberán presentarse o día 20 de febreiro ás 18.00 horas na carpa instalada polo Concello no aparcadoiro da rúa Agro do Medio. Alí poderán facer unha exhibición en base á cal o xurado realizará a súa cualificación. Despois destas actuacións, que non deberán durar máis de 5 minutos, o desfile percorrerá as rúas de Milladoiro ao ritmo que marque a charanga "Vaite xa".
Para facilitar a participación na Festa do Entroido, o Concello de Ames posibilitará tamén o estacionamento no párking da rúa Palmeiras, a tan só 50 metros do novo aparcadoiro onde se celebrará a festa, á que se poderá acceder a través dun paso peonil.