[17-05-2012] Este venres 18 de maio, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro impartirase a conferencia “Vellez e demencia. Cando aínda queda a reserva!”. Este xornada está enmárcase dentro do ciclo de conferencias do programa Amessan, que promove hábitos de conduta saudables para as persoas adultas e anciáns a través de actividades de ximnasia terapéutica, estimulación cognitiva, expresión a través das mans, expresión musical (clases de pandeireta), baile de salón e obradoiros de memoria. A charla será impartida por Arturo X. Pereiro Rozas, profesor da facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, e Elisabet Hermida, profesora da actividade de estimulación cognitiva dos grupos do Milladoiro e Covas.
O programa Amessan ten como obxectivo promover o benestar físico, psicolóxico e social da poboación maior do concello de Ames. A través das diferentes actividades integradas no proxecto lógrase ademais que os maiores saian da casa, coñezan xente, estean entretidos e ao mesmo tempo fagan exercicio. Arredor de 400 usuarios/as están participando este curso nas actividades de ximnasia terapéutica, estimulación cognitiva, expresión a través das mans, expresión musical (clases de pandeireta), baile de salón e nos obradoiros de memoria. Estas actividades teñen como fin axudar a atrasar a deterioración psicobiolóxica e a aumentar a autoestima das persoas maiores.
Ademais, dento do programa Amessan enmárcanse unha serie de charlas e conferencias como é a que se vai impartir este venres na Casa da Cultura do Milladoiro. Nesta xornada participará Arturo X. Pereiro Rozas, director do departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, secretario de redacción da Revista Española de Geriatría e Gerontología e membro do grupo de investigación que analiza actualmente os indicadores cognitivos para a detección temperá do mal do Alzheimer.
Tamén participará na conferencia á psicóloga Elisabet Hermida, profesora da actividade de estimulación cognitiva dos grupos do Milladoiro e Covas, e membro dun grupo de investigación que traballa sobre a intervención psicolóxica nas coidadoras informais de persoas en situación de dependencia.
O primeiro poñente vai explicar que é a reserva cognitiva. Isto é o que nos permite que a intelixencia se enfronte exitosamente aos problemas que plantexa a realidade, aínda que os procesos patolóxicos ou traumáticos afecten os SNC (Alzheimer, VIH, Parkinson, etc.). Analizarase de onde provén esta reserva, como actúa, cales son os seus inimigos e como se pode manter cando se chega á vellez.
Na segunda parte, Elisabet Hermida, exporá dunha maneira práctica que é, para que serve e que se fai nun obradoiro de estimulación cognitiva. Para elo, utilizaranse como exemplo as persoas que estiveron traballando nos grupos do Milladoiro e Covas no programa Amessan.




