Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este sábado o Concerto de Santa Icía

Venres, 16 de novembro de 2018

[16-11-2018] A Coral Polifónica Antonio Santomil de Bugallido organiza este sábado, coa colaboración do Concello de Ames e da Deputación da Coruña, un concerto na honra de Santa Icía, patroa dos músicos. O acto, que se levará a cabo na Casa da Cultura do Milladoiro ás 19.00h, contará coa actuación da Coral Arumes do Castro de Cerdido, das Pandereteiras da Costaneira e da propia Coral Polifónica Antonio Santomil de Bugallido.

O vindeiro 22 de novembro celébrase o Día de Santa Icía, patroa da música e dos músicos. Para conmemorar este día, a Coral Polifónica Antonio Santomil de Bugallido organiza, un ano máis, o seu tradicional Concerto de Santa Icía, que este ano terá lugar este sábado, 17 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro. Polo escenario pasarán, ademais da propia Coral Polifónica, a Coral Arumes do Castro de Cerdido e as Pandereteiras da Costaneira.

Durante o evento, que durará arredor dunha hora, cada agrupación interpretará unhas catro pezas nas que non só estará presente música galega, senón que tamén terán cabida cancións de actualidade. Asemade, a Coral de Bugallido representará unha composición recompilatoria das obras de Abba, que acompañarán co son do piano. A entrada para gozar deste concerto, dirixido a todos os públicos, é gratuíta ata completar aforo.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Milladoiro honra con música a Santa Icía"