Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este sábado, 2 de novembro, o concerto da banda de música da Asociación musical e cultural Solfa

Mércores, 30 de outubro de 2013

[30-10-2013] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, organizou un concerto de música para este sábado 2 de novembro. A banda de música da Asociación musical e cultural Solfa actuará na Casa da Cultura do Milladoiro. A cita musical desenvolverase ás 20:30 horas. A entrada será gratuíta ata completar aforo. A banda de música de Solfa está realizando distintos concertos con motivo da súa participación no VII Certame Galego de Bandas de música que se celebrará no Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, os días 16 e 17 de novembro de 2013.

Durante o mes de novembro haberá tres actividades musicais. A primeira desenvolverase este sábado 2 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dun concerto que ofrecerá a banda de música da Asociación musical e cultural Solfa. Esta banda interpretará as pezas Compostela, de Bernardo del Río; Arieñium, de José Ignacio Blesa; e Suite Galaica (I- Espertar na montaña, II- Noite de bruxas, III- Danza meiga e Final), de Antón Alcalde.

A banda de música de Solfa está realizando distintos concertos con motivo da súa participación no VII Certame Galego de Bandas de música que se celebrará no Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, os días 16 e 17 de novembro de 2013. Deste xeito, actuará nos concellos de Ames e Valga antes de participar en dito certame. A banda solfa está composta por 53 músicos e está dirixida por Fernando Rey Mayo.

Esta banda de música presentouse en público o pasado 29 de maio de 2002, con nenos e nenas menores de 10 anos, no Centro Sociocultural das Fontiñas. Ao longo de todos estes anos fixeron moitos concertos, intercambios con outras bandas de música, campamentos musicais, concertos didácticos… Esta banda de música móvese entre o divertimento e a formación. Os principais obxectivos da banda Solfa son conseguir resultados satisfactorios e mellorar a calidade dos membros da agrupación.

Programación musical de novembro
Ademais, para o venres 22 de novembro está previsto un concerto de música folk tradicional a cargo de Suso Vaamonde e Xoán Porto que porán en escena na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 21:00 horas, o espectáculo Cantata Vernácula. O día seguinte, o 23 de novembro, ás 19:00 horas, celebrarase o concerto de corais na Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste encontro de corais actuarán a Coral Polifónica Antonio Santomil de Bugallido e a Coral Abraira de Rianxo.