Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este martes unha reunión para informar sobre a acollida de nenos saharauís durante o verán

Domingo, 08 de febreiro de 2015

[08-02-2015] A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organiza unha reunión para informar ás familias interesadas en acoller un neno ou nena saharauí durante o verán. A xuntanza é aberta a todas as persoas que desexen participar nunha nova edición do programa Vacacións en Paz. A reunión terá lugar este martes, 10 de febreiro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Quen non poida acudir á reunión, pero desexe participar no programa, pode chamar ao número de teléfono 662 371 079.

A través da iniciativa Vacacións en Paz as familias de Ames ou de calquera concello galego, poden acoller durante os meses de xullo e agosto a nenos e nenas saharauís que viven unha difícil situación nos campamentos de refuxiados de Tindouf, Alxeria. O programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos rapaces, ofrecéndolles a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa á súa formación.

A concelleira de Benestar Social, Eugenia Martín, anima a inscribirse nesta iniciativa na que poden apuntarse tanto as persoas que xa participaron en edicións anteriores como aquelas que nunca o fixeron. O Concello de Ames actuará de mediador entre as familias amesás e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para xestionar a estadía dos rapaces e farase cargo do custo do billete de avión –ida e volta– de cada neno.