[26-09-2015] O espectáculo dos Bolechas espertou un gran interese entre os nenos e nenas de Ames, xa que dende o pasado luns están esgotadas as entradas para ver “Os Bolechas na máquina do tempo”, que terá lugar este domingo 27 de setembro, ás 12:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Todas as entradas reservadas terán que recollerse na Casa da Cultura do Milladoiro o día do espectáculo entre as 11:30 h e as 12:00 horas. As entradas que non se recollan nesa franxa horaria poñeranse a disposición do público que se achegue ese día á Casa da Cultura e entregaranse por rigorosa orde de chegada a partir das 12:00 horas.
A máquina do tempo desenvólvese en forma de concurso-teatro dirixido a un público familiar pero especialmente destinado a nenas e nenos de educación infantil e primaria. A maiores de promover o uso do galego, o espectáculo Os Bolechas na máquina do tempo ten tamén unha importante parte didáctica, xa que a actividade simula un concurso no que tanto os irmáns Bolechas coma os nenos e nenas asistentes deben demostrar os seus coñecementos sobre historia.
Para a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero: “Os nenos e nenas son un sector da sociedade importantísimo para a saúde do idioma e o máis débil neste momento. Debemos fornecer todo tipo de recursos e ferramentas para fomentar o coñecemento e uso natural do galego nestes tramos de idade. O Concello de Ames destaca pola importancia dos nenos e nenas e da mocidade na súa pirámide de idade, polo cal temos unha responsabilidade aínda maior que noutros concellos. Pouco a pouco irémonos dotando de novos programas e actuacións de normalización lingüística dirixidos a estes segmentos de poboación”.
A máquina do tempo
Os bonecos preséntanse en forma de monicreques manipulados por actores á vista. A historia comeza cando os irmáns Bolechas atopan un estraño aparello que non recoñecen ata que caen na conta: é unha máquina do tempo! Alguén terá que estreala, pero todos teñen medo de meterse nela, así que, bótano a sortes e tócalle a Carlos e a Pili probar a estrambótica máquina.
Os dous irmáns métense nela e os outros comezan a premer os botóns para mandalos ao futuro: van saír feitos uns mozos! E así é. A máquina do tempo funciona! Mais Carlos e Pili non queren ser maiores; teñen as pernas e os brazos moi longos e a cabeza moi grande… e a Carlos mesmo lle saíu barba. Queren volver ser nenos, así que usarán de novo a máquina para volver atrás. Entón, aparece o dono do aparello, o doutor Apolodoro, un científico tiruleco ao que non lle gustan nada os cativos e non quere que Os Bolechas volvan a ser nenos, así que estraga a máquina e os dous irmáns aparecen… na Prehistoria! Para volver ao presente os Bolechas precisarán a axuda do público, e é aquí onde comeza o concurso no que mediante xogos de pregunta/resposta e diversas probas os personaxes obterán as baterías que lles permitirán regresar ao momento actual.
Páxina web con sorteo de grandes premios
A proposta conta tamén coa súa propia páxina web, www.osbolechas.com/maquinadotempo, onde, ademais de explicar a dinámica e os obxectivos do programa, se ofrece calendario coas datas e vilas onde vai a estar o espectáculo, así como xogos e actividades relacionadas coa temática da iniciativa. Tamén se inclúen unhas fichas didácticas para traballar na casa ou na escola na iniciación á historia das cativas e cativos galegos. Esta web inclúe, ademais, un apartado adicado ao sorteo de magníficos lotes de libros dos Bolechas.
Hai tantos sorteos mensuais como espectáculos se celebren ao longo dese mes e poderá participar neles calquera persoa, asista ou non aos espectáculos. De non poder asistir, os e as participantes optan a un lote de cinco libros, pero, de teren asistido a algún espectáculo e poñer no formulario a palabra clave que se deu nesa función, o premio multiplícase por dous, o que significa que o gañador do sorteo leva dous lotes (dez libros). As datas dos sorteos, así como os gañadores publícanse nesta mesma páxina. As redes sociais dos Bolechas: Facebook, Twitter e Youtube, contan con milleiros de seguidores moi activos.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Expectación por la llegada de Os Bolechas a O Milladoiro"