Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle ata o 8 de setembro a exposición do X Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado

Xoves, 29 de agosto de 2013

[29-08-2013] A exposición do X Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado fai parada en Ames. Ata o día 8 de setembro todas as persoas que pasen pola Casa da Cultura do Milladoiro poderán contemplar as fotografías de Amador Lorenzo Blach, gañador do concurso, e de Víctor Rivera Jove e Verónica Gutiérrez Valenzuela (ambos os dous finalistas deste concurso fotográfico). A mostra recolle un total de 28 instantáneas que reflicten varios aspectos sociais e da vida cotiá. Trátase dun Premio de Creación Fotográfica convocado pola Deputación da Coruña.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle a exposición de fotografía sobre o X Premio de creación fotográfica Luis Ksado. Esta mostra recolle 12 fotografías do gañador do concurso, Amador Lorenzo Blach, 8 instantáneas de Víctor Rivera Jove, e outras 8 fotografías de Verónica Gutiérrez Valenzuela, ambos os dous finalistas deste concurso fotográfico posto en marcha un ano máis pola Deputación Provincial da Coruña.

O gañador do concurso foi Amador Lorenzo Blach coa obra “Tudo isto é fado”, que recolle 12 fotografías. Segundo o xurado, trátase dunha proposta de documentalismo subxectivo que, en sintonía coas correntes contemporáneas, evocando a experiencia dun Portugal sumido na crise, mostra como o fado invade o sentimento do fotógrafo. As imaxes presentadas polo gañador do premio trazan unha lectura poética e intimista, con resultado plástico de gran forza visual.

Por outra banda, os finalistas do concurso foron Víctor Rivera Jove coa obra “Os cabalos de Mariahof”, Kim Manresa co traballo chamado “Cetrería”, Verónica Gutiérrez Valenzuela con “La ciudad financiera”, Vicente Bataller Alventosa coa colección de fotografías denominada “Tiro y Arrastre”, Sebastián Liste Vicario coa obra “Urban Quilombo”, Albert González Farran co traballo “Faki, el curandero del Coran”, Eloy Alonso González con “Negro Futuro”, Abel F. Ros Sánchez con “Lorca Renace” e Antonio M. Páez Regadera con “Planos íntimos de la yema de un dedo con lámpara al final”.

Récord de participantes
O concurso fotográfico, convocado pola Deputación da Coruña, bateu este ano o récord de participantes coa inscrición dun total de 170 candidatos, un 55% máis que na edición anterior. O premio, dotado con 6.500 euros, ten como obxectivo contribuír á conservación da memoria de personaxes tan representativos no campo da fotografía como o foi Luís Ksado.

Durante o mes de agosto a exposición pode visitarse en horario de 9:00 h a 14:00 horas, mentres que a partir do 2 de setembro poderá visitarse neste mesmo horario e tamén pola tarde, de 16:30 h a 22:00 horas.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "A Casa da Cultura do Milladoiro acolle a exposición do X Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado"