Pestanas principais

A Casa da Cultura de Milladoiro acolle desde o sábado 3 de setembro a exposición “Galicia-Cabo Verde: Unha irmandade”

Venres, 02 de setembro de 2016

[02-09-2016] Os proxectos que o Fondo Galego de Solidariedade realiza en Cabo Verde poderán coñecerse en Ames a través da Exposición “Galicia-Cabo Verde: Unha irmandade”, que desde o 3 ao 17 de setembro estará aberta ao público na Casa da Cultura de Milladoiro. A mostra serve de preludio ao “Encontro Intercultural” que o Servizo de Atención ao Migrante prepara para o 17 de setembro. Neste evento participarán veciños e veciñas do Concello de distintas nacionalidades, haberá degustación de pratos típicos de distintos países e actuará o grupo de folklore caboverdiano Batuko Tabanka, formado por mulleres de Cabo Verde residentes en Burela. Asemade cómpre salientar que a técnica de Turismo do Concello de Ames, Sonia Moure, viaxará a Caboverde para participar nun proxecto da entidade encamiñado á potenciación do turismo no arquipélago caboverdiano.

Ames é socio do Fondo Galego de Solidariedade desde hai preto de 15 anos. Desde entón, o concello acolle a meirande parte das exposicións que o organismo organiza para dar a coñecer os proxectos que leva a cabo nas zonas menos desenvolvidas do planeta. Agora chega a Ames “Galicia-Cabo Verde: Unha irmandade”, do ferrolán Robert Amado, gañador no 2013 do Certame “Imaxes con Fondo” que o propio Fondo Galego de Solidariedade creou no 2012.

A mostra componse dunha serie de fotografías que Robert Amado fixo a raíz do premio. O fotógrafo viaxou durante un mes por seis das dez illas do arquipélago caboverdiano e visitou os principais proxectos apoiados polo Fondo Galego durante os 11 anos de cooperación con Cabo Verde. As instantáneas recollen escenas da vida diaria dos habitantes de Cabo Verde ao tempo que amosan ás persoas que se viron beneficiadas polos proxectos apoiados polo Fondo Galego. Ademais 20 paneis a toda cor, con algunhas das fotografías máis significativas informan ao visitante sobre as accións de cooperación do Fondo Galego en Cabo Verde.

“Galicia-Cabo Verde: Unha irmandade”  clausurarase o día 17 de setembro. Nesa mesma data terá lugar o “Encontro Intercultural” que a Concellaría de Servizos Sociais, a través do Servizo de Atención ao Migrante, prepara para poñer en valor a diversidade cultural do Concello. No encontro degustaranse pratos típicos de distintos países e actuará o grupo de folklore caboverdiano Batuko Tabanka.

Por outra banda, no mes de outubro a técnica de Turismo do Concello de Ames, Sonia Moure, viaxará a Mozambique para participar nun proxecto da entidade encamiñado á potenciación do turismo no arquipélago caboverdiano.


Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Galicia-Cabo Verde, en Milladoiro"