[24-12-2011] Este venres 23 de decembro ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns celebrouse o festival de Nadal de Corais no que participaron a Coral Polifónica de Bugallido, a Coral Polifónica do Milladoiro e a Agrupación vocal Virxe da Barca de Muxía, que asistiu a este festival como coral convidada. As tres corais fixeron un pequeno repertorio de panxoliñas galegas, portuguesas e de castela. Ademais, os nenos e nenas da Escola Municipal de Música de Ames cantaron unha panxoliñas acompañados pola Coral de Bugallido. O festival tivo unha duración aproximada dunha hora.
A véspera de Noiteboa estivo cargada de música e panxoliñas en Ames. A Coral Polifónica de Bugallido foi a encargada de abrir o festival. Esta coral interpretou ademais de pezas tradicionais galegas coma "Canto de Berce", outras coma a panxoliña popular de castela "Ya viene la vieja" ou "En la noche más fría" de Spilman. Ademais, coa Coral Polifónica de Bugallido colaborou tamén a Escola Municipal de Música de Ames interpretando os temas "No Nadal" e "Paz na Terra". Os rapaces e rapazas da Escola de Música participaron cos as súas voces e con instrumentos de vento coma a frauta e con pequenos instrumentos de percusión.
De seguido actuou a Coral Polifónica de Milladoiro, que interpretou a coñecida "Noite de Paz" de Franz Gruber, a panxoliña tradicional galega "Cun sombreiro de palla", a peza arxentina "A la huella, a la huella" e unha peza composta polo concelleiro de Cultura, Alfonso Rey, con música da directora da Coral do Milladoiro, Anne Toming, chamada "Ollando ao neno recén nacido".
Para pechar o festival actuou a Agrupación vocal Virxe da Barca cun repertorio de dúas panxoliñas tradicionais portuguesas, "Natal..." e "Boliños do Pote". Ademais interpretaron unha panxoliña tradicional galega chamada "Na noite máis fermosa" e a panxoliña "Suite Navideña" de José Bernardo Álvarez.
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu un festival de Corais no que se interpretaron máis dunha ducia de panxoliñas por parte de tres corais e de 25 estudantes da Escola Municipal de Música de Ames. Este festival é unha actividade que se encadra dentro da programación cultural municipal de Nadal.







