Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu o acto de graduación do alumnado de segundo de bacharelato do IES de Ames

Sábado, 19 de maio de 2012

[19-05-2012] Os 77 alumnos/as que rematan os seus estudo este ano no IES de Ames vestíronse de gala para asistir ao acto de graduación que se celebrou este venres pola tarde no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Os mozos e mozas recibiron os correspondentes diplomas de graduación da man da directora do instituto amiense, Marisol Louro, do concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e da presidenta da ANPA do IES de Ames, Fina Rella. O acto contou coa intervención do padriño desta promoción de alumnos/as, Anxo Sampedro, e de varios alumnos/as de cada un dos grupos de segundo de bacharelato. Ao final do acto servíronse uns petiscos.


Os 77 alumnos e alumnas de segundo de bacharelato que forman a promoción 2006-2012 puxeron fin este venres pola tarde a súa estadía no IES de Ames co acto de graduación. Este é a cuarto ano no que o instituto amiense realiza un acto de graduación para despedir ao seu alumnado de segundo de bacharelato. O acto comezou coa intervención da directora do IES de Ames, Marisol Louro, que felicitou ao alumnado que remata os seus estudos no centro de ensino amiense. Ademais agradeceulle ao Concello de Ames a súa xentileza por cederlle o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns para realizar o devandito acto.

Marisol Louro tamén quixo felicitar ao alumnos/as e profesores/as que participaron na organización deste evento. Cómpre salientar o traballo realizado pola xefa de estudos, Mercedes Neira, o vicedirector, Henrique García, así como os profesores/as Suso Fidalgo, Anxo Sampedro, Susa Fernández, Juan Gil, Francisco Rodríguez, entre outros. Por parte do Concello de Ames asistiron a este acto o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, a concelleira de Xuventude, María González, e a concelleira de Cultura, Eugenia Martín. Tamén estivo presente Pilar Candocia, concelleira do grupo municipal Ames Novo.

Trala presentación do acto interveu o padriño da promoción, Anxo Sampedro, que deu un pequeno discurso como despedida do alumnado que remata os seus estudo no instituto amiense. A continuación interviñeron un ex-alumno e ex-alumna do IES de Ames. Tamén houbo tempo para a música, fotos e vídeos que recordaron a evolución do alumnado dende a súa entrada no centro de ensino no ano 2006. Por último, os 77 alumnos/as que se graduaron foron pasando polo estrado para recoller o seu diploma. Os encargados de entregar os diplomas foron Marisol Louro, directora do instituto amiense, Bernardo Moar, concelleiro de Educación, Fina Rella, presidenta da ANPA do IES de Ames.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El IES de Ames despacha otra promoción"