[26-06-2013] O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta tarde o acto de clausura das actividades que desenvolveu a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) ao longo do curso 2012-2013. Neste evento participaron os profesores/as e alumnos/as das Escolas integrais de maiores de Bertamiráns e do Milladoiro. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, entregáronlle os diplomas aos alumnos/as que asistiron ás actividades da Escola integral de maiores; ao obradoiro de patronaxe, corte e confección; ao curso de español para estranxeiros; aos voluntarios/as do Roupeiro municipal e do programa de Apoio escolar.
O Concello de Ames, a través da Oficina do Voluntariado, organiza numerosas actividades e eventos que serven para fomentar a participación social entre os diferentes individuos e colectivos da poboación amiense. A concelleira de Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, destaca “a implicación de todos/as os voluntarios/as que colaboran neste servizo do Concello de Ames, a través do que se pretende apoiar aos sectores de poboación máis desfavorecidos como son as persoas maiores, inmigrantes, infancia, persoas con discapacidade, muller e minorías étnicas”. Para iso, desenvólvese un completo programa de actividades e servizos que se poden levar a cabo grazas á colaboración desinteresada de 50 voluntarios/as.
Unha vez rematado o curso 2012-2013, este mércores pola tarde celebrouse o acto de clausura das actividades que desenvolve a Oficina de Voluntariado de Ames. A este evento asistiron todas as persoas que cada ano ofrecen os seus servizos de xeito gratuíto e desinteresado. Por parte do goberno municipal asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar. Tamén estivo neste acto a concelleira do grupo municipal socialista, Isabel González, e os concelleiros/as do grupo de non adscritos, Manuel Ferreiro e María Dolores Fernández.
Grazas aos voluntarios/as pódense impartir os cursos de corte, confección e patronaxe; o curso da Escola Integral de Maiores; os cursos de informática, nos que participaron os alumnos/as da Escola Integral de Maiores; e os cursos de castelán para estranxeiros. Tamén hai que destacar o importante traballo que levan a cabo durante todo o ano as persoas que atenden o roupeiro municipal e os profesores/as voluntarios/as do programa de apoio escolar.
Todas estas actividades desenvólvense ao longo de todo o ano en Bertamiráns e no Milladoiro. As persoas voluntarias, que exercen de profesores, foron as verdadeiras protagonistas do acto. Pero ademais dos voluntarios tamén asistiron todos os alumnos e alumnas que ao longo de nove meses asistiron a estas actividades. Todas estas persoas prepararon con gran esmero un festival de fin de curso. Cómpre salientar que durante este ano asistiron a todas estas actividades arredor de 300 persoas entre alumnos/as e profesores/as.
Actuacións teatrais, poéticas e musicais
A concelleira de Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, foi a encargada de abrir o acto de clausura das actividades da OVA. A continuación interviñeron os mestres das Escolas integrais de maiores. O festival continuou coa intervención do alumnado da Escola integral de maiores do Milladoiro que realizou varias representacións teatrais e poéticas. Algunhas das representacións teatrais que fixeron foron “Amor con humor negro”, “Cupido” e “Romance de Don Gaiferos”. A súa intervención rematou cunha pandereitada. Os alumnos/as da Escola integral de maiores de Bertamiráns tamén realizaron unha representación teatral.
Tralas actuacións teatrais e musicais, entregáronse os diplomas aos alumnos/as asistentes ás actividades da Escola integral de maiores; obradoiro de patronaxe, corte e confección; curso de español para estranxeiros; voluntarios/as do Roupeiro municipal; e do programa de Apoio escolar. A Escola integran de maiores do Milladoiro volveu a intervir para cantar unha “Habanera”. O alcalde de Ames, Santiago Amor, encargouse de pechar o acto. O rexedor municipal animou a todas a veciñanza a seguir participando nestas actividades e destacou que “a mellor proba do bo funcionamento da Oficina de Voluntariado de Ames son todas as representacións e actividades que se fixeron neste acto”.
Obradoiro de iniciación o ganchillo
Por outra banda, o pasado venres 21 de xuño celebrouse o acto de clausura do obradoiro de iniciación o ganchillo. Esta actividade impartiuse durante os meses de maio e xuño na Casa da Cultura de Bertamiráns todos os venres, en horario de 10:00 h a 12:00 horas. Neste curso participaron un total de 17 persoas. Unha profesora voluntaria ensinoulle a todos os participantes nocións de ganchillo para elaborar pezas de roupa, bolsos para nenos/as, monecos, manteles, fundas para móbiles, gorros, etc. Neste obradoiro participaron tanto persoas que xa tiñan coñecementos sobre ganchillo coma aquelas que non sabían nada. A concelleira de Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, foi a encargada de entregar os diplomas. O próximo curso de iniciación ao ganchillo comezará no vindeiro mes de outubro.






