[29-05-2014] Un ano máis o alumnado do IES de Ames organizou un musical. Despois do éxito acadado cos musicais "Como a auga", "Folía en Semasei" e "Viaxe no tempo", este ano representaron "Un musical de Cine". Neste espectáculo faise un percorrido pola historia do cine dende os seus inicios ata a actualidade. Na representación do musical participaron directamente uns 130 alumnos/as. Ademais, na realización da escenografía e dos aparellos tecnolóxicos que aparecen no musical participaron arredor de 120 rapaces e rapazas. A estrea do musical foi este mércores, 28 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Pola mañá, realizáronse dous pases para o alumando do IES de Ames, mentres que pola tarde houbo outros dous pases, que estiveron abertos ao público con invitación. O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, asistiron á estrea deste musical.
Tras a exitosa experiencia dos últimos anos, elaborando tres musicais: Como a auga, Folía en Semasei e Viaxe no tempo, este ano o alumnado do IES de Ames presentou un novo proxecto, cuxo tema central é un percorrido pola historia do cine. Este espectáculo é un dos grandes proxectos anuais do centro, pola cantidade de xente e departamentos que participan, polo alto nivel conseguido cada ano e polas dimensións que acada, tanto sociais, como educativas no máis amplo sentido da palabra. Neste proxecto colaboran o Concello de Ames e o Centro Dramático Galego.
Un musical de cine é unha experiencia educativa bianual, que consiste na realización dunha obra escénica orixinal que integra teatro, música, danza, malabarismos, acrobacias, cun fío argumental que supón un percorrido histórico ao largo da historia do cine. A participación de case todos os departamentos do instituto no proxecto, xustifican a consideración deste musical como un modelo de transversalidade e colaboración entre departamentos cun obxectivo común.
En Un musical de Cine situámonos nunha sociedade futura, no ano 2054. Nun centro educativo do noroeste de Europa, rexido por estritas normas educativas que non deixan lugar para as artes e as humanidades, un grupo de alumnos e alumnas decide facer unha película. Os atrancos que se atopan no camiño, así como as axudas de actores e personaxes “de película”, van debuxando a historia da sétima arte a través de escenas e momentos cinematográficos de todos os tempos.
Neste espectáculo faise un percorrido pola historia do cine (dende o cine mudo ata o cine de hoxe). Deste xeito, aparecen películas españolas como Mujeres al borde de un ataque de nervios ou Bienvenido, Mister Marshall. Tamén se fai referencia a outras películas míticas da historia do cine como poden ser Matrix, El mago de Oz, Greasse, Moulin Rouge, Casablanca, El muro de Pink Floyd, Harry Potter, e Cantanto bajo la lluvia, entre outras. Ademais, en diferentes escenas aparecen personaxes míticos do cine como poden ser Frankenstein, Hitchcock ou Mary Poppins, entre outros.
A estrea do musical foi este mércores, 28 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Pola mañá, realizáronse dous pases para o alumando do IES de Ames, mentres que pola tarde houbo outros dous pases, que estiveron abertos ao público con invitación. O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, asistiron á estrea deste musical.
250 alumnos/as participan no musical
Na representación deste espectáculo participaron directamente un total de 129 alumnos/as (33 actores; 52 bailaríns; 13 músicos; 5 técnicos de luz e son; 10 persoas encargáronse do vestiario, estética e perruquería; e 16 do atrezo). Ademais, na realización da escenografía e na elaboración dos aparellos tecnolóxicos que aparecen no musical colaboraron arredor de 120 alumnos/as de educación plástica e visual e de tecnoloxía de primeiro, terceiro e cuarto da ESO. Deste xeito, participaron na organización deste musical uns 250 alumnos/as do IES de Ames.
O guión deste musical foi elaborado pola xornalista de Ames Radio, Nazaret López, que tamén se encargou da dirección de interpretación. Nazaret López realizou un guión baseado nas peticións dos profesores/as e nas achegas dos propios actores e actrices. Ariadna Brandón tamén colaborou na elaboración do guión, xa que se encargou de escribir unha das escenas do musical. Ademais, os profesores de física, música, bioloxía, ximnasia, entre outros, así como os pais e nais dos alumnos/as foron parte fundamental na organización deste musical.
O IES de Ames xa recibiu varios premios pola representación do musical Viaxe no tempo. Este musical recibiu o premio “As boas prácticas da innovación educativa na categoría de convivencia escolar”, que outorga a Xunta de Galicia. O IES de Ames tamén foi finalista con este musical do premio “Acción Magistral” do Ministerio de Educación e Cultura.



Contido relacionado

El Correo Gallego: "Superproducción musical con 250 alumnos de Bertamiráns"




