[06-11-2012] A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este venres, 9 de novembro, ás 21,00 horas a representación da obra Smoke City, que correrá a cargo da compañía teatral Malasombra. As entradas poderán mercarse media hora antes do comezo da función na Casa da Cultura de Bertamiráns. O prezo das entradas é de 5 euros. Terán un 50% de desconto os menores de 12 anos, os maiores de 65 e os estudantes con carné.
Tamén é posible reservar as entradas, para iso hai que chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviar un correo electrónico á dirección cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. Os billetes que non se recollan nese horario venderanse a partir das 20:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.
Na mesma xornada do venres, ás 11:00 horas, realizarase unha representación desta obra de teatro dirixida ao público escolar. Está previsto que acuda o alumnado de 3º e 4º da ESO do IES de Ames.
A peza teatral, que ten unha duración de 65 minutos, é obra de José Luis Prieto e está dirixida por Marcos Orsi. O elenco artístico está composto por Xoque Carbajal, Jouse García, Alberto Rolán e Ramón Orencio.
Smoke City é o paraíso do fume, sobre todo do fume dos cigarros. As mafias do tabaco dominan a cidade, dirixidas polo seu capo, o pérfido Silvio Nicotini. Jon Calquera é un cidadán máis, que como moitos outros, cae vítima dos sinistros plans de Silvio Nicotini. E Bob Cleaner é o detective que trata de salvar a Jon Calquera e acabar para sempre coas mafias do tabaco.
Smoke City é unha historia de acción, unha aventura urbana de gángsters e policías, un cómic teatral do xénero negro, negro como o aire de Smoke City, negro como os plans do capo Silvio Nicotini, e negro como os pulmóns das súas pobres vítimas.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a representación da obra de teatro Smoke City"
La Voz de Galicia: "El cómic teatral Smoke City llega a Bertamiráns"




