A terceira xornada formativa sobre inclusión socioeducativa e trastorno do espectro autista terá lugar o vindeiro 4 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Dirixida a todos os públicos, a xornada abordará os recursos e estratexias de intervención acaidas para a creación de espazos inclusivos para as persoas con algún trastorno do espectro autista. As inscricións pódense formalizar, ata o 2 de maio, a través da páxina web www.culturizatea.es ou do enderezo de correo electrónico xornadatea@gmail.com.
Vendo o crecemento desta iniciativa, tanto en cantidade de persoas asistentes como no interese suscitado polas mesmas, volve a organizarse esta xornada sobre inclusión socioeducativa e trastorno do espectro autista. Esta terceira xornada de sensibilización e formación en autismo pretende continuar coa idea de crear espazos inclusivos para as persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), analizando recursos e estratexias de intervención socioeducativa axeitados. Este ano, pese a manter a perspectiva globalizadora da xornada, foi orientada cara o ámbito educativo.
A sensibilización acerca da importancia da inclusión das persoas con TEA ou a visibilización dos diferentes colectivos que traballan con elas son algúns dos obxectivos desta xornada. Así mesmo, tamén se atopan entre os seus propósitos a divulgación de materiais e estratexias que favorezan a inclusión das persoas con autismo, así como a creación dun espazo de intercambio de información sobre estratexias e recursos para a inserción na sociedade das persoas con TEA.
Nesta xornada, que organiza a Concellaría de Educación e Cultura, colaboran a Universidade de Santiago de Compostela, a través da Facultade de Ciencias da Comunicación; a Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista de Centros de Apoio Familiar (APACAF); a Asociación de pais de persoas con trastorno de espectro autista (ASPANAES); e Ciencia en ruta.
A xornada desenvolverase o sábado, 4 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para asistir será preciso inscribirse a través da páxina web www.culturizatea.es ou do enderezo de correo electrónico xornadatea@gmail.com. O prazo de inscrición remata o 2 de maio. A participación será aberta e gratuíta a todos os públicos. Programa da xornada
A xornada comezará ás 09:15 horas coa recepción e a entrega de material ás persoas participantes. Ás 09:45h terá lugar a inauguración da man de Marcos Pinaque (investigador predoutoral da USC e coordinador da Xornada), Xesús Rodríguez (profesor da USC), e Montse Castro (profesora da Universidade da Coruña).
Ás 10:15 horas desenvolverase a primeira intervención. Juan Jesús Freire, de Ciencia en ruta, falará sobre “Unha experiencia educativa inclusiva”. De seguido, ás 12:00 horas, Lucía Cacheda e Andrés Yáñez, psicóloga/o de APACAF, darán unha conferencia sobre “O apoio conductual positivo”. Por último, na xornada da mañá, de 12.45 a 13.30 haberá un debate aberto moderado por Marcos Pinaque.
A programación da tarde comezará ás 16:00 horas coa impartición de varios talleres e seminarios. Os/as asistentes deberán escoller un dos catro talleres/seminarios que se imparten ata as 17.45 horas. Posteriormente de 18.00 a 19.30 horas impartiranse outros catro talleres/seminarios. Ao igual que no caso anterior haberá que escoller un dos catro que se ofrecen. Ás 19:45 horas producirase o acto de clausura, que porá punto e final á xornada.





