[30-03-2012] A compañía Talía Teatro estreará mañá sábado na Casa da Cultura de Bertamiráns a súa última produción para público infantil. “Pequena” foi presentada oficialmente esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, a autora e directora Paula Carballeira, a actriz da obra Marta Ríos e o representante da compañía, Artur Trillo. O espectáculo, dirixido principalmente a nenos/as de 4 a 10 anos, permitirá descubrir o grande que pode ser alguén pequeno e o pequenas que poden chegar a ser as grandes cousas, que case non ocupan espazo.
Na presentación, o concelleiro Alfonso Rey agradeceu a Talía Teatro ter escollido Ames para a estrea de "Pequena", que redunda no "traballo que estamos a facer desde o Concello polo teatro". "Estamos enchendo coas funcións programadas e iso é un motivo de orgullo para contribuír a que o teatro funcione e se recupere a afección", afirmou. Segundo manifestou Alfonso Rey, "espero que teñades o éxito que vos merecedes e que o teatro en Galicia recupere o seu esplendor".
A directora Paula Carballeira presentou "Pequena" como un espectáculo "divertido, dinámico e con moita música", pensado para un "público familiar, xa que ademais dos nenos os pais e as nais tamén poden gozar del". A produción racha cos prexuízos, demostrando que "sendo pequeno pódense facer grandes cousas". En palabras de Paula Carballeira, a montaxe utiliza recursos sinxelos como "a narración oral ou a manipulación de obxectos para contar historias non convencionais, introducindo novos compoñentes nas vellas historias". Así, por exemplo, o conto de Polegariño será presentado desde o punto de vista dos ogros e na historia de Andersen "A pulga e o profesor" agora a protagonista será a pulga. A autora e directora amosouse ademais convencida de que "Pequena" adaptarase "moi ben" polo seu formato, "acorde cos tempos e cos espazos", ao "acolledor" auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.
Neste sentido, Artur Trillo definiu a obra como un espectáculo "unipersoal e versátil" e avanzou que "Pequena" ten pechadas, despois de Ames, representacións nas próximas semanas en Meaño, Boiro e Cee. O representante de Talía Teatro lembrou que o mesmo equipo de "Pequena" foi responsable da produción "Mundos contados", tamén "un espectáculo nada pretencioso, que tivo unha gran vida xa no ano 2005".
Segundo a actriz da obra Marta Ríos, "Pequena" é un "espectáculo de contos que me ensinou moitas cousas da man de Paula Carballeira". "Teño moitas ganas de que o público poida por fin gozar e, especialmente, ver cal vai ser a reacción dos nenos xa que mañá será a primeira vez que se represente para eles", confesou.
Proxecto imaxinativo e didáctico
Segundo manifestan dende a propia compañía o mundo infantil atráelle especialmente o teatro xa que nel pode dar renda solta á súa imaxinación. A través do teatro os nenos e nenas entran en contacto con diferentes artes: literatura, música, danza, interpretación, pintura... polo tanto é unha excelente alternativa de ocio que os axudará a ser máis críticos co mundo que os rodea, ademais de ser unha ferramenta didáctica que axuda a incrementar a concentración e a creatividade.
A través deste espectáculo os nenos/as poden romper cos prexuízos en relación co tamaño ou coas cualidades físicas das persoas; a tolerancia e a comprensión de hábitos e costumes diferentes (directamente relacionados coa variedade e diversidade cultural); a escoita (relacionada coa narración oral e coa música); a atención (relacionada coas escenas de manipulación de obxectos); e o xénero. Case todas as personaxes que aparecen na obra son femininas e teñen papeis protagonistas.
María Catalina Rosario Nadiña Pequena, Macarrona para os seus irmáns, Nadina Pequena para a maior parte da xente, é, coma o seu nome indica, pequena. Hai pequenas que son xigantes, como Barbadac, a ogresa, filla do ogro que gardaba o tesouro das botas de sete leguas ata a chegada de Polegariño. Barbadac escolleu non gardar tesouros, senón compartilos, como Petipuá, a pulga artista, que quixo levar o seu espectáculo a todas as partes do mundo, incluída a Illa dos Salvaxes, e demostrou que non hai límites nin fronteiras para conseguir o que desexas, nin aínda sendo pequena coma unha pulga. E hai pequenas cunha imaxinación grande, como Nadiña, que é quen nos conta as historias de Barbadac e de Petipuá, quen nolas representa con bailes, con cancións, con alegría e cunha forza enorme. Hai grandes pequenas e grandes pequenos, tan grandes que poden cambiar o mundo ao seu xeito.
As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.
A compañía
Talía Teatro é unha compañía teatral creada en 1988, con un selo propio e orixinal. Os seus espectáculos son unha marca con denominación de orixe que definen un estilo e unha forma de facer teatro. Hoxe, 24 anos despois do seu inicio, tense consolidado como unha das compañías galegas de maior prestixio e repercusión e ten afianzado un proxecto empresarial que xera cultura e ilusión, ao mesmo tempo que consolida un equipo de traballo estable.
Desde os seus inicios, a compañía perseguiu a dignificación do teatro. Aínda que se dirixe a un amplo abano de espectadores, tamén presta unha especial atención teatro infantil e xuvenil por que considera que a creación de novos públicos é unha das asignaturas pendentes do teatro feito en Galicia.
Actualmente ten en cartel tanto espectáculos dirixidos a público infantil (Pequena e Carta urxente para Máximo Toxo) coma espectáculos para o público xuvenil e adulto (Bicos con lingua, Pelos na lingua e Volpone).




