Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este xoves a clausura das III Xornadas sobre Violencia de Xénero

Martes, 11 de xuño de 2013

[11-06-2013] Este xoves, 13 de xuño, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a clausura das III Xornadas sobre Violencia de Xénero do Concello de Ames, que analizaron a incidencia desta problemática nas mulleres maiores e o seu tratamento nos medios de comunicación. Para poñer punto e final a esta acción formativa, que estivo composta de 40 horas de formación presencial e a distancia, a Concellería de Benestar Social deseñou unha programación que inclúe unha conferencia, a representación dunha obra de teatro e a entrega de diplomas. Os actos de clausura das xornadas están abertos a todo o público que desexe asistir.

Deste xeito, a clausura comezará ás 17:00 horas cunha conferencia que correrá a cargo de Lourdes Pazo García, educadora do Programa Vagalume. Esta charla levará como título “A outra cara da prostitución”. A través desta charla farase un achegamento á parte máis humana das mulleres que exercen a prostitución, xa que detrás de cada muller hai unha historia. Lourdes Pazo García falará sobre o proceso migratorio, que é o que máis lle afecta as localidades do Milladoiro e Bertamiráns.

Seguidamente, ás 18:15 representarase unha obra de teatro titulada 'Xenitais', a cargo da compañía Teatro da Zarabándula. Esta obra estreouse o pasado 25 de novembro de 2010 no Pazo da Cultura Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo co gallo da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A liña argumental desta peza teatral xira arredor de dúas mulleres que se atopan e poñen en común as súas experiencias como fillas, como esposas, como nais, como mulleres, tratando de reivindicar e de poñer en valor o seu universo feminino. Para iso, botan a vista atrás chegando a uns tempos non demasiado remotos no que o rol da muller na sociedade non era outro que o de satisfacer ó seu home para ir navegando dende alí ata unha época na que se poida falar abertamente sen medo, sen condicionamentos, rompendo tódolos tabús existentes sen esquecer os problemas aos que aínda hoxe se teñen que enfrontar polo simple feito de nacer mulleres.

Por último, a clausura rematará coa entrega de diplomas ás persoas que realizaron a formación das III Xornadas sobre Violencia de Xénero. Os diplomas serán entregados por representantes do Goberno municipal.

Contido das xornadas
As III Xornadas sobre Violencia de Xénero do Concello de Ames, que contan co apoio da Deputación da Coruña, tiveron unha duración total de 40 horas, 26 a distancia utilizando un manual de formación específico e 14 presenciais. A parte presencial realizouse en cinco xornadas, que se desenvolveron entre o 15 e o 26 de abril, no Pazo da Peregrina. Unha vez finalizada a fase presencial, o alumnado que participou nestas xornadas tivo que completar un total de 26 horas de formación a distancia utilizando un manual de formación específico. Para completar a parte a distancia os participantes tiveron que realizar unha serie de exercicios que posteriormente enviaron aos titores/as do curso.

As xornadas foron inauguradas o pasado 15 de abril polo alcalde de Ames, Santiago Amor; a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, e a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín. Tras a presentación das xornadas interveu Luís Lorenzo Mur, xerente adxunto do Consorcio Galego de Igualdade, para ofrecer a primeira charla do programa.

Na segunda xornada, que se celebrou o 17 de abril, tratáronse os aspectos xurídicos da violencia de xénero cando as mulleres son maiores. Para iso a directora do Centro de Emerxencias Autonómico para vítimas de violencia de xénero, Begoña Rivera, impartiu unha conferencia sobre este tema.

O martes, 23 de abril, tratáronse os aspectos psicolóxicos diferenciais das mulleres maiores que sofren este tipo de violencia. Para iso a psicóloga no CIM do Concello de Coirós, Cándida Rodríguez Ferro, fixo unha análise sobre os aspectos psicolóxicos que se deben ter en conta na violencia de xénero. O día seguinte, o mércores 24 de abril, analizouse a incidencia da violencia de xénero nos medios de comunicación, abordando o tratamento que se fai desta información e a necesidade da prevención da violencia e da promoción da igualdade. Nesta ocasión interveu a xornalista Carla Reyes. Esta xornada completouse cunha mesa redonda na que se falou sobre a prostitución en mulleres maiores e o seu incremento debido á crise económica. A mesa redonda estivo moderada por Carla Reyes e nela participaron a xornalista María Méndez e o portavoz da Asociación de Homes Galegos Pola Igualdade, Celso Taboada.

Marta González, portavoz da Comisión de Igualdade no Congreso dos Deputados, foi a encargada de poñerlle o punto e seguido as III Xornadas sobre violencia de xénero do Concello de Ames, abordando na súa conferencia a violencia de xénero desde o punto de vista social, incidindo nos aspectos sociolóxicos das mulleres maiores galegas.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este xoves a clausura das III Xornadas sobre Violencia de Xénero"