Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este venres a representación da obra de teatro infantil “O Murmurio do Mar” da compañía A Xanela do Maxín

Mércores, 13 de febreiro de 2013

[13-02-2013] A compañía de monicreques A Xanela do Maxín representará o venres, 15 de febreiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18:30 horas, a obra de teatro infantil “O Murmurio do Mar”, un espectáculo que a través dos contos e da música, utilizando monicreques, obxectos, instrumentos e por suposto moita imaxinación somerxe aos rapaces e rapazas nun universo tan real como lendario, un mundo mariñeiro do cal se saben algunhas cousas pero se descoñecen moitas outras. A montaxe, de 40 minutos de duración, está dirixida ao público familiar. As entradas poden reservarse ata o venres, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org

Esta fin de semana volve o teatro ao Concello de Ames da man da compañía A Xanela do Maxín que porá en escena o espectáculo O Murmurio do Mar. Como non pode ser doutro xeito esta peza teatral fala do mar, que no seu infinito murmurio trae consigo sons, lendas e tamén cancións. Como se relata na sinopse da obra; dende tempos inmemoriais o mar, ademais de ser unha inesgotable fonte de inspiración para debuxantes, músicos e poetas, agocha historias e aventuras de sereas, piratas e vellos mariñeiros. En definitiva, o que intenta transmitir este espectáculo é que debemos coidar e respectar o mar.

As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata o venres, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.

Compañía de monicreques
A Xanela do Maxín é unha compañía de monicreques profesional que comezou a súa andaina no ano 2007. Os seus obxectivos son presentar propostas escénicas de calidade dirixidas a un público infantil, así como crear espectáculos propios e orixinais, pensados para que os nenos e nenas pasen momentos divertidos, pero onde tamén os pequenos valores cobran importancia: a tenrura, o respecto, a perseveranza, a ilusión…

Ademais, encárganse de organizar diversos obradoiros que potencian a dimensión creativa, o desenvolvemento da conciencia estética, a importancia do proceso de traballo, etc. e onde o traballo en equipo e o respecto aos compañeiros é o máis importante.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este venres a representación de O Murmurio do Mar"