[19-12-2012] A programación de Nadal do Concello de Ames continúa este venres coa celebración do Concerto de Corais de Nadal, organizado pola Concellaría de Cultura. O festival, no que participan as corais de Bugallido, Ames e Piñeiro, Lojo Batalla de Tapia, Nosa Señora do Corpiño de Oca e Polifónica de Luou, terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 21,00 horas, e a entrada será de balde ata completar aforo.
A Coral Polifónica de Bugallido, que en 2011 celebrou o corenta aniversario da súa fundación, está composta por un total de 30 voces. Ao longo da súa exitosa traxectoria, a coral ofreceu concertos por toda Galicia. Na actuación, a formación interpretará as cancións Ro mi niño, ro, de Silvestre Peñas Echeverría; a peza Ledicia no mundo, de Georg Friedrich Haendel; o Canto de berce, de Rogelio Groba, e a Suite comercial navideña, de José Bernardo Álvarez.
No Concerto de Corais de Nadal de Ames participarán xuntos os coros parroquias de Piñeiro e Ames, dúas agrupacións que nun principio tiveron andainas separadas. Os dous coros empezaron o seu percorrido no ano 2002 da man da mesma mestra, Anxos Renieblas, e con idéntico obxectivo: formar un grupo que acompañase e amenizase as distintas celebracións eucarísticas nas respectivas parroquias. Co paso do tempo fóronse unificando repertorios, saídas e celebracións de xeito que na actualidade comparten todo tipo de actuacións formando así un grupo dinámico, con representación de distintas idades e caracterizado polo acompañamento de guitarras e percusión o cal os diferencia das corais máis tradicionais. Na súa actuación deste venres, os dous coros interpretarán as cancións: Nadal de Luíntra, Nunca soan as campás, Canto de Nadal, Alédate Xesús Naceu, E naceu o neno e Bo Nadal Rock.
Tras estas interpretacións, tocaralle a quenda ao Coro Lojo Batalla de Tapia, que se fundou hai uns anos, coa idea de cantar as misas parroquiais. Basicamente, interpretan música relixiosa, participando activamente nas misas das parroquias veciñas e nos concellos de Santiago e Boqueixón. Na actualidade, o coro está formado por 18 voces e dirixido por Felisa Regueira Vázquez. Neste concerto de Nadal, interpretarán as seguintes pezas: Baila nena, canción popular galega; Samba Lelé, popular brasileira; Señora Dona María, de Eduardo Correa, e Noel, de Pedro Alzpurua.
O Concerto de Corais de Nadal de Ames que se celebrará o venres na Casa da Cultura de Bertamiráns continuará coa actuación do Coro da Nosa Señora do Corpiño de Oca, unha agrupación que, desde os seus inicios a principios da década dos 2000, dedicase a poñer música ás liturxias que se celebran na capela. Está composto por mulleres de dita aldea e ten actuado en festivais benéficos. Na actualidade, está dirixido por Miguel Ángel Sánchez del Río. Na súa actuación, interpretarán: Hoy amaneció, un canto de Advento de autor descoñecido; a canción Navidad, de José Luis Perales, e a peza O meniño Xesús, de Nazario González 'O Moxenas'. Ademais, cantarán a Panxoliña de Oca, unha canción popular que se cantaba na aldea de Oca e os seus arredores durante a Noiteboa e a noite de Reis. A súa melodía revela unha orixe que posiblemente se remonte ao século XVIII.
O festival rematará coa actuación da Coral Polifónica de Luou. Esta agrupación naceu no ano 2001 baixo a dirección do mestre Xosé Manuel Freire e conta cun total de 40 voces mixtas. O coro interpretará as cancións: Santa Margarida, de Juan Núñez; O Sacrum Convivium, de Luigi Molfino; Las Cuatro Palomas, de Ignacio Piñeiro, e Noche de Paz, de Franz X. Grüber.





