[14-11-2012] A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este domingo, ás 18:00 horas, o espectáculo O señor das dunas. Trátase dun espectáculo dirixido a todos os públicos, dende os nenos e as súas familias ata os máis vellos da casa. Baseado na literatura oral galega, este contacontos compleméntase coa ilustración en directo do relato feita con area. Os asistentes recibirán como agasallo un libriño cos contos que escoitaron. Esta actividade, que ten unha duración de 50 minutos, enmárcase dentro de FalaRedes, o novo programa de dinamización da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística.
O espectáculo conta unha historia, ocorrida hai moitos anos, na que durante unha viaxe intercontinental un barco naufragou á altura da Costa da Morte. As correntes mariñas arrastraron a un vello bibliotecario ata a praia de Corrubedo. Alí comezou a contar contos tradicionais, que acompañaba e enriquecía con debuxos feitos con area. De Corrubedo, O señor das dunas chega agora ás vilas galegas e, máis en concreto, a Ames. O señor das dunas visitará aos amienses contando cinco contos populares galegos, xunto cun alumno avantaxado que ilustra sobre a area a historia que narra a medida que a vai relatando.
Todos os asistentes recibirán un libro que recollen as cinco historias para que tamén eles se convertan en fontes de coñecemento e espallen a cultura e a lingua galega aos máis pequenos.





