[15-04-2011] A obra de teatro "0'7% Molotov", unha aceda crítica da sociedade consumista occidental escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, será representada este venres 15 de abril na Casa da Cultura de Bertamiráns. A peza, cuxa representación corre a cargo da compañía "Teatro de ningures", amosa o que acontece cando se xuntan os camiños de El, un solitario nihilista, e Ela, unha neohippie solidaria. A obra gañou en 2009 o XIV Premio de Teatro Rafael Dieste. A representación terá lugar ás 21:00 horas.
A compañía "Teatro de Ningures" representa este venres día 15 de abril a peza teatral "0'7% Molotov", ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A obra, que tenta retratar a sociedade capitalista e consumista occidental, foi gañadora do XIV Premio Rafael Dieste en 2009, galardón outorgado pola Deputación da Coruña para incentivar a creación de teatro galego e lembrar o autor rianxeiro. Esta peza teatral foi escrita e está dirixida por Santiago Cortegoso.
A obra achéganos a dúas figuras en certo modo alegóricas e representativas da sociedade capitalista e consumista occidental. El, un nihilista solitario, contrata a Ela, unha neohippie solidaria que acaba de chegar de África, para a vendima. Ela descubrirá naquel espazo un lugar no que ficar libre e atopar a propia identidade. El está xa de volta dunha vida urbana e hipócrita na que a súa conciencia e coherencia política foron vendéndose en cómodos prazos. Pero, unha vez que se atopan, deben afrontar que nin as vides poden escapar das gadoupas dun capitalismo en expansión.
A compañía "Teatro de ningures" ten unha longa traxectoria tras dela que a avala e que dura xa 25 anos. É unha das compañías máis estables de Galicia e un punto de encontro imprescindible para os profesionais do sur do país, sobre todo de Pontevedra, onde ten a súa sede. No conxunto do panorama teatral galego é hoxe un referente indiscutible. No reparto desta obra atopamos a Rocío González, Salvador del Río, Armando Martén e Ana Beatriz Pérez.




