Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle os debates da fase de zona do VII Club de Debate no que participan oito equipos de Ames

Xoves, 22 de marzo de 2018

[22-03-2018] O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle ao longo do día de hoxe a fase de zona do Club de Debate. Participan 8 equipos, compostos por arredor de 80 estudantes (de terceiro e cuarto de ESO e de primeiro de Bacharelato) e 8 profesores/as dos institutos de Ames (tres do IES do Milladoiro, tres do IES de Bertamiráns e dous do Colexio Alca). O tema que centra os debates é: "A mocidade do século XXI é feminista". Os dous equipos gañadores desta xornada pasarán á final galega que se celebrará o sábado, 5 de maio, no Teatro Jofre de Ferrol, na que se debaterá sobre se "As TIC favorecen o uso do galego".

Intensa xornada de debate
Os debates, que se desenvolverán ao longo da mañá e da tarde na Casa da Cultura de Bertamiráns, serán abertos á cidadanía, podendo asistir quen así o desexe. A xornada de debate clausurarase ás 18:45 horas coa entrega de premios. Durante os primeiros debates os rapaces e rapazas destacaron “nós que somos o futuro, estamos facendo o que está nas nosas mans para cambialo”.

O xurado desta fase estará conformado pola técnica de Normalización Lingüística, Inmaculada Seage, polos xornalistas Xoana Pardo e Juan Silva, polo xefe de Publicacións da Universidade de Santiago, Juan Blanco Valdés, e pola profesora de secundaria, Noemí Pazó. Preside o xurado Inmaculada Seage.


O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, foron os encargados de abrir esta xornada de debate na Casa da Cultura de Bertamiráns. Miñones dixo “ides a debater sobre un tema moi acaido para este momento”. Ademais, destacou que “este tipo de iniciativas son moi importantes para a vosa formación porque axudan a expresarse en público, algo que eu non tiven a oportunidade de facer cando era estudante, así que anímovos a aproveitar esta xornada de debate”.

Isabel Vaquero agradeceulle ao alumnado a súa participación e díxolles “sodes uns e unhas valentes por atreverse a participar nesta sétima edición do Club do Debate. Estades todos e todas en igualdade de condicións, así que non vos poñades nerviosos/as. Agardo que recordedes está xornada como un día no que aprendestes moito e o pasastes ben. Vémonos pola tarde, cando rematedes de debater, no acto de entrega de premios”.

Nesta fase de zona participan 8 equipos de Ames e a temática sobre a que están debatendo é se A mocidade do século XXI é feminista. Nesta fase de zona participan arredor de 80 estudantes (de terceiro e cuarto de ESO e de primeiro de Bacharelato) e 8 profesores/as dos institutos de Ames (tres do IES do Milladoiro, tres do IES de Bertamiráns e dous do Colexio Alca).


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "La Casa da Cultura de Bertamiráns acoge los debates de la fase de zona del VII Club de Debate en el que participan ocho equipos de Ames"