Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle mañá unha charla-coloquio da medallista olímpica de vela Sofía Toro, que se enmarca dentro do programa ‘Espello Deportivo’

Luns, 22 de abril de 2013

[22-04-2013] O Concello de Ames e a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia convida a toda a veciñanza amiense a participar nunha charla-coloquio coa medallista olímpica de vela Sofía Toro, na que falará da súa traxectoria e da súa experiencia nos Xogos Olímpicos de Londres 2012. Esta charla-coloquio terá lugar este martes 23 de abril, ás 17:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta iniciativa está impulsada a través da Consellería de Cultura e Educación. Co programa ‘Espello Deportivo’, a Rede de Dinamización Lingüística está a impulsar cun gran éxito o galego no deporte. Este evento está dirixido aos usuarios/as da Escolas deportivas municipais, pero tamén está aberto a todas as persoas que estean interesadas en asistir. A entrada será de balde.

Este martes, 23 de abril, chega a Ames o programa ‘Espello Deportivo’, un proxecto de dinamización lingüística no que tres deportistas olímpicos e paraolímpicos (Sofía Toro, Chano Rodríguez e Juan Antonio Saavedra) manterán un encontro cos integrantes das escolas deportivas e entidades municipais de 36 concellos de Galicia ata o mes de xuño. Na Casa da Cultura de Bertamiráns estará a regatista coruñesa Sofía Toro, gañadora da medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Londres de 2012.

Abrirá a xuntanza un vídeo biográfico da deportista coruñesa que dará paso a un relatorio e mais a un coloquio nos que os valores positivos do deporte irán parellos ao uso da lingua galega como ferramenta de comunicación e de identidade. A regatista compartirá cos veciños e veciñas de Ames as súas experiencias na alta competición e destacará o emprego do galego como valor identitario no deporte. Sofía Toro estará acompañada do actor Rubén Riós, responsable da empresa xestora do programa.

Esta iniciativa enmárcase na programación de actividades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) para o ano 2013. Dánlle apoio económico tres entidades pertencentes á Rede: a Xunta de Galicia –por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación- e mais as deputacións provinciais da Coruña e de Ourense. A elas súmanse os concellos da RDL que acollerán a actividade e que, ademais de cederen os espazos para a celebración das conferencias, poñerán o seu persoal técnico para a xestión e para a difusión da actividade.

Deste xeito, ‘Espello Deportivo’ convértese nun exemplo de colaboración dende diferentes administracións para impulsar o galego nun ámbito prioritario e transversal, o do deporte, de acordo coas directrices emanadas do Plan xeral de normalización da lingua galega.

Prestixiar o galego a través do deporte
Espello Deportivo’ ten como principal tarefa a de ligar o uso da lingua galega co deporte e cos seus valores positivos, como o sacrificio, o afán de superación ou a disciplina. Para ese cometido, xunto co do prestixio do galego entre os máis novos, o programa conta con tres protagonistas de excepción, cunha colección de recoñecementos internacionais no deporte de elite.

Sofía Toro, regatista olímpica, foi campioa olímpica nos Xogos de Londres 2012, na modalidade de Match Race. Malia a súa mocidade, conta tamén na súa relación de títulos co primeiro posto nos campionatos de Europa en 2011, e de Iberoamérica e España en 2010. Esforzo e superación son as dúas máximas do tirador paraolímpico Juan Antonio Saavedra, medalla de prata nos Xogos Paraolímpicos de Londres, logo de participar nos de Sidney e Atenas. Por último, o gaditano Chano Rodríguez poderá explicar mellor que ninguén a adopción do galego con naturalidade, combinando a súa historia lingüística coa consecución de 16 medallas paraolímpicas en natación.

Toda a información sobre ‘Espello deportivo’ está dispoñible no web www.xunta.es/linguagalega/espello_deportivo.