Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle hoxe a presentación do libro infantil ¡Gracias!, da escritora e narradora oral Charo Pita

Mércores, 29 de maio de 2013

[29-05-2013] O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este mércores, ás 18:30 horas, a presentación do libro de literatura infantil ¡Gracias! da escritora e narradora oral Charo Pita. Trátase dun conto, editado por Edicións La Fragatina, que está dirixido aos nenos e nenas de 7 a 8 anos. En ¡Gracias! unha neta ten moitas preguntas que facer á súa avoa e esta non ten respostas. É un conto verdadeiramente fermoso cheo de silencios nos que a narrativa se enche da cor das delicadas ilustracións de Anuska Allepuz e o texto ábrese convidándonos a calar e sentir. Este acto enmárcase dentro das actividades coas que o Concello de Ames intenta apoiar e promocionar a cultura e a literatura.

A Casa da Cultura de Bertamiráns será este mércores o escenario da presentación do libro ¡Gracias!, un libro álbum fantástico, ideal para ler, contar, compartir, regalar e gozar. En ¡Gracias! unha neta ten moitas preguntas que facer á súa avoa e esta non ten respostas. O certo é que non fai falta sabelo todo, comprendelo todo, analizalo todo, moitas veces é suficiente con gozalo, vivilo e, sobre todo, agradecelo. Un conto verdadeiramente fermoso cheo de silencios nos que a narrativa se enche da cor das delicadas ilustracións de Anuska Allepuz e o texto ábrese convidándonos a calar e sentir. E a agradecer cada unha das marabillas que nos rodean e que, por habituais, podemos deixar pasar sen atender.

Charo Pita é autora dunha decena de obras de teatro e destaca polo labor como narradora oral. Ademais, imparte obradoiros para a formación de contacontos a profesores. Estudou Filoloxía Hispánica na universidade de Salamanca e teatro baixo a dirección de Theodor Smeu Stermin, Carlos Álvarez-Osorio e Alberto Cabarcos na Escola Santart.

Leva narrando historias dende hai 18 anos por todo o ámbito da xeografía peninsular, relatos procedentes tanto da tradición oral como de creación propia. Amante da palabra en todas as súas posibilidades gañou algúns premios literarios e publicou algúns libros infantís (Velliñas, editorial OQO; Maxia, editorial OQO; O Arco da Vella, Edicións Xerais; ¡Gracias!, editorial La Fragatina; Alguien de Alguna Parte, editorial Brosquil; Igor, editorial Kalandraka), coleccións de relatos para adultos (A la Sombra del Cuento, editorial Palabras del Candil), libros de poemas (Desde Arcadia para Govinda), así como artigos sobre á narración oral e a creación literaria en revistas especializadas.