Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres unha comedia para adultos escrita e dirixida por Cándido Pazó

Martes, 27 de xaneiro de 2015

[27-01-2015] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, ás 21:00 horas, a representación de Demolición, unha peza da compañía Talía Teatro escrita e dirixida por Cándido Pazó. As entradas teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos e os que posúan carné de estudante ou sexan maiores de 65 anos terán un desconto do 50%. Poden reservarse ata o propio venres ás 14:00 horas, a través do enderezo electrónico cultura.milladoiro@concellodeames.org ou no teléfono 981 53 59 40.

Toño Casais e Artur Trillo protagonizan este espectáculo de noventa minutos de duración dirixido ao público adulto. A obra defínese como un “comidrama” por tratarse dunha proposta que conxuga o humor e a emoción, a dor e o pracer, o divertimento e a reflexión… A espera, o fracaso colectivo e a fraxilidade humana son temas recorrentes nesta función de enxeñosos diálogos que reflicte situacións realistas e ofrece ao público diversas lecturas posibles sobre os problemas actuais da nosa sociedade.  

Talía Teatro é unha compañía santiaguesa creada en 1988 e que hoxe en día está considerada como unha das agrupacións teatrais galegas de maior prestixio. Desde os seus inicios centrou os seus obxectivos en dignificar o teatro e as artes escénicas empregándoos como transmisores dos valores culturais do país. Aínda que se dirixe a un amplo abano de espectadores, tamén presta unha especial atención ao teatro infantil e xuvenil de cara a atraer novos públicos. O traballo da compañía ten sido merecedor de numerosos premios polas súas montaxes.