Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres a representación da peza teatral Viva a crise!

Venres, 27 de maio de 2011

[27-05-2011] A obra de teatro Viva a crise! é unha serie de divertidas historias enlazadas, tratadas cun humor acedo e actual, que se desenvolven ao redor desta enrevesada e difícil etapa que estamos vivindo. Esta comedia teatral é a fórmula ideal para aliviar o mal tempo que atravesamos. Manuel Pombal, Manuel Botana e Suso Pando, da compañía Fulano, Mengano e Citano, SL, soben ao escenario para, baixo o paraugas do humor, contar varias historias entrelazadas entorno á crise económica. Esta obra de teatro será representada este venres 27 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 21:00 horas. Con esta peza teatral remata a programación de teatro profesional de adultos do primeiro semestre de 2011.

O Concello de Ames ofrece a toda a veciñanza amiense unha ampla programación cultural para todos os públicos. Todas as fins de semana organízanse numerosas actividade nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A estas actividades tamén se suman en moitas ocasión varias exposicións de pintura ou outro tipo de artes que normalmente se poden visitar no Pazo da Peregrina. Co obxectivo de ampliar esta programación o Concello participa no programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que oferta a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC).

Enmarcada dentro desta oferta cultural a compañía Fulano, Mengano e Citano, S.L. representa, este venres día 27 de maio ás 21:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns, a peza teatral Viva a crise!

Hai realmente crise ou é que estamos de resaca? Mentres "outros" o pensan e buscan solucións, a compañía Fulano, Mengano e Citano, S.L. aplicará as únicas menciñas coñecidas que existen contra este mal: pastillas de enxeño, xarope de humor e inxeccións de retranca. Viva a Crise! é unha serie de divertidas historias enlazadas, tratadas cun humor acedo e actual, que se desenvolven ao redor desta enrevesada e difícil etapa. A fórmula ideal para aliviar o mal tempo que atravesamos é esta comedía de teatro.

A compañía Fulano, Mengano e Citano, S.L. ten unha longa traxectoria que comezou alá polo ano 1994. Naquel momento Manuel Botana fundou en Vigo, coa colaboración de José M. López o grupo Fulano e Mengano realizando o espectáculo Cheiro de Estrelas. Posteriormente incorporase o actor e director Manuel Pombal pasando a chamarse Fulano Mengano e Citano e realizando Cheiro de Estrelas II, no ano 1999. Na actualidade a compañía Fulano Mengano e Citano SL , formada por Manuel Botana, Manuel Pombal, Suso Pando e Marcos Alonso, ten en Cartel as obras Viva a Crise! e Nunca Menos.

A través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que oferta a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), ao longo deste ano representaranse un total de 26 obras teatrais nos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Durante o primeiro semestre de 2011 representaranse 8 obras dirixidas ao público infantil e outras 8 para o público adulto (catro en cada centro sociocultural). Con esta peza teatral remata a programación de teatro profesional de adultos do primeiro semestre de 2011.

Para o segundo semestre haberá 6 obras infantís e outras 6 para o público adulto (tres en cada centro sociocultural). Deste xeito pasarán pola Casa da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns compañías como Talía Teatro, Teatro do Atlántico, Pinga Teatro ou Fulano, Mengano e Citano, SL.

O custe da entrada para ver este espectáculos é de 3 euros, pero verase reducido ao 50% para os menores de 12 anos, os estudantes con carné e os maiores de 65 anos.