Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres a representación da obra de teatro infantil O Valo

Mércores, 18 de abril de 2018

[18-04-2018] A programación teatral do Concello de Ames continúa un venres máis coa representación da obra “O Valo”. Dirixida a un público infantil, a peza aborda o encontro entre unha nena que escapa da guerra e un rapaz soldado, gardián devoto das fronteiras móbiles. A obra, unha produción de Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, será representada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18:00 horas. As entradas xa se atopan dispoñibles na Billeteira electrónica. Así mesmo tamén se poden mercar anticipadamente nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse para vender de xeito presencial desde unha hora antes do comezo do espectáculo.

A obra O Valo parte do marabilloso texto homónimo de Carlos Labraña, gañador do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil. A peza, que é representada por Saleta Fernández e Fran Rei, trata sobre o encontro entre unha nena que escapa da guerra e un rapaz soldado, gardián devoto das fronteiros móbiles. O Valo pretende ser, desta maneira, unha homenaxe ás persoas refuxiadas, cuxas vidas constitúen o xerme de loita contra todos os valados, muros e fronteiras que separan aos seres humanos.

O Valo, que foi posta en escena baixo a dirección de Iván Prado, fala polo tanto do encontro entre dous mundos, entre dúas realidades afastadas que se atopan. Na obra, fronte ao pensamento patético, torpe e obediente do soldadiño sobresae a sensibilidade, a forza e a dignidade da nena refuxiada. A peza foi creada por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade con motivo da celebración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, que foi fixado pola ONU o 21 de xuño.

A obra O Valo será representada este venres, 20 de abril, na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 18:00 horas. Este día tamén haberá unha sesión escolar ás 12:00h. As entradas para a tarde xa están dispoñibles na Billeteira electrónica. Así mesmo, tamén se poden adquirir anticipadamente nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse para vender, de xeito presencial, desde unha hora antes do comezo do espectáculo. Cada entrada ten un prezo de catro euros, cun desconto do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.