[18-09-2012] Este venres, 21 de setembro, chega ata Ames o programa de dinamización lingüística, Redecinema, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e as deputacións da Coruña, Pontevedra e Ourense, no marco da Rede de Dinamización Lingüística. O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a partir das 21:00 horas a proxección do filme Vilamor, de Ignacio Vilar, que está protagonizado por Rubén Riós e Sabela Arán. A través desta iniciativa apoiase e promóvese a lingua propia de Galicia e, ao tempo, a industria cultural, nomeadamente a audiovisual, galega e en galego.
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, 21 de setembro, a proxección gratuíta do filme galego Vilamor, dentro do ciclo cinematográfico Redecinema, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, en colaboración coas deputacións da Coruña, Pontevedra e Ourense.
Vilamor rodouse en Galicia e en galego, e estreouse en Ourense o 17 de maio, con motivo da celebración das Letras Galegas 2012. A pesar da súa curta andaina, xa cultivou un gran recoñecemento dentro e fóra de Galicia (Cannes, Nova York, Jakarta...). O filme está ambientado no ano 1976, no que Breixo, un rapaz dunha vila das montañas de Lugo, atópase cunha comuna na aldea de Vilamor. Seducido pola idea dun estilo de vida alternativo, decide axudar aos recen chegados a recuperar a aldea. Mais non todos parecen destinados a vivir este soño de liberdade.
Vilamor obtivo xa o recoñecemento de importantes festivas. Recentemente, a finais do mes de agosto, recibiu o Galardón á Excelencia no Festival de Cine Internacional para a Paz de Indonesia. Ademais, no New York City Internacional Film Festival recibiu os premios á mellor banda sonora e fotografía.
Percorrido por 42 localidades
Redecinema chegará a un total de 42 localidades da Rede de Dinamización Lingüística. Dende agosto este programa está percorrendo varias cidades e localidades das provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense con proxeccións gratuítas do recentemente estreado filme de produción galega Vilamor.
A través de Redecinema, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e as deputacións da Coruña, Pontevedra e Ourense, no marco da súa pertenza á Rede de Dinamización Lingüística, apoian e promoven a lingua propia de Galicia e, ao tempo, a industria cultural, nomeadamente a audiovisual, galega e en galego.
Redecinema responde a obxectivos xerais emanados do Plan xeral de normalización da lingua galega como promover a creatividade con base en galego e incrementar a oferta de produtos de cultura e de ocio na nosa lingua.
Os obxectivos específicos do programa Redecinema son visibilizar a lingua galega nas entidades da Rede de Dinamización Lingüística; activar o seu uso; progresar na sensibilización social a favor do galego; promover o uso do galego nas actividades lúdicas e de lecer e visibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos.
En especial para promover o uso do galego nas actividades lúdicas e de lecer, visibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos, potenciar artistas e dinamizadores galegos e mais favorecer a incorporación do galego á programación das actividades para o verán realizadas nos concellos.




